RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANosaHistoria: Hoxe cúmprense trinta anos do tráxico falecemento de Javier Sagarzazu

Hoxe cúmprense 30 anos dunha data tráxica, un dos días máis funestos do deportivismo ao longo dos seus máis de 110 anos de vida. Tal día como hoxe en 1987, o Deportivo non perdía un partido, nin sufría un descenso, nin vía como se lle escapaba un ascenso. Vía como a vida dun dos seus futbolistas acabábase nas súas mans sen poder facer nada por evitalo. Un domingo de agosto de 1987, día 16, moi preto da coruñesa localidade de Carral, falecía Javier María Sagarzazu Unanue.

O Deportivo vén de sufrir un dos maiores paus da súa historia. Despois dos ascensos negados ante o Rayo, en 1983, e o Oviedo, en 1986, o equipo perde de novo o tren de Primeira na infausta temporada do playoff, a 1986-1987. Aquela campaña, o Deportivo acaba o Campionato de Segunda División en posicións de ascenso, pero a reforma das categorías profesionais do fútbol español obriga a disputar unha liguiña de dez partidos para decidir as posicións finais.

No decisivo Dépor-Celta en Riazor, o colexiado asturiano Díaz Veiga converte en penalti unha falta cometida por Dacosta sobre Alvelo claramente fóra da área. Baltazar marca, o Celta leva os dous puntos e o Deportivo queda tocado e afundido. Esa derrota, unida ao empate posterior en Málaga e a derrota en Lugo (por peche de Riazor tras os disturbios acontecidos no duelo de máxima rivalidade) ante o Castellón deixan ao Deportivo un ano máis (e van 15) fóra da elite.

Sagarzazu (Azkoitia, 11 de decembro de 1958) é a fichaxe estrela do verán de 1987. O defensa guipuscoano vén de disputar catro campañas consecutivas en Primeira División (117 partidos) coa Real Sociedade. Na anterior xoga 38 dos 44 encontros (33 de titular) do seu equipo na liga, co colofón do título da Copa do Rei, en cuxa final ante o Atlético de Madrid, definida a favor dos donostiarras na quenda de penaltis, xoga os 120 minutos.

Aquel verán tamén chegan a Riazor o defensa arxentino Héctor Carlos Arzubialde, procedente do Club Atlético Talleres de Córdoba; o dianteiro (aínda que acabaría xogando de todo) tamén arxentino Carlos Ernesto Fontana, do Castellón; o centrocampista do Sestao Jon Aspiazu; e dous futbolistas cedidos polo Real Zaragoza: o porteiro Manolo Ruiz e o central Tomás Blesa.

O equipo preséntase en Riazor o 21 de xullo. O presidente, Andrés García Yáñez, afirma que “o ascenso é un reto”, a pesar de que negocia desde días atrás a venda do home en torno ao que vira o xogo do equipo desde hai anos, José Luis Vara. O primeiro partido da pretemporada (o 28 de xullo, 2-2 ante o Endesa As Pontes no Estadio Roca de Vilalba) é o último como branquiazul do mediapunta esteirán, que é traspasado ao Betis a cambio de 25 millóns de pesetas o mesmo día (2 de agosto) que o Deportivo perde o XXXVI Trofeo Emma Cuervo nos penaltis ante o Lugo.

O seguinte partido é a primeira semifinal do XLII Trofeo Teresa Herrera, torneo que o Deportivo volve xogar tras cinco anos de ausencia. O 7 de agosto, os branquiazuis, dirixidos por segunda campaña consecutiva por Eusebio Ríos, derrotan ao Sporting de Gijón. A imaxe superior corresponde a aquel encontro, o primeiro no que Sagarzazu viste de branquiazul.

Un postremeiro gol de Vicente (coma se fora un anticipo do que nove meses despois, ante o Racing de Santander, evitaría o maior desastre deportivo da historia do Club), a pase de Silvi, iguala o anotado por Ablanedo I (min. 14). Na quenda de máximos castigos, Jorge exerce unha vez máis de 'para-penaltis', ao deter o primeiro lanzamento xixonés, de Joaquín. Ablanedo I envía fóra o cuarto disparo asturiano e, acto seguido, Arzubialde anota o 4-2 definitivo, que leva ao Dépor á súa primeira final do decano dos torneos estivais en tres lustros.

O partido pola Torre de Hércules de prata (ao que corresponde a fotografía sobre estas liñas) dispútase o 9 de agosto. É a reedición do histórico partido no que o Deportivo bateu ao Benfica campión de Europa, 25 anos despois. Do mesmo xeito que a semifinal, defínese desde os 11 metros. Aspiazu adianta aos coruñeses na primeira metade. Rui Águas empata mediado o segundo acto. Os portugueses aguantan o empate malia acabar o partido con 9 homes, tras as expulsións de Carlos Manuel (min. 76, por agresión a Portela, que ao repelela tamén é expulsado) e Diamantino (min. 88).

Na quenda, Jorge volve parar dous lanzamentos, os de Chiquinho Carlos e Veloso. Con todo, Bento, gardameta lisboeta, detén tres, a Louie Donowa, Arzubialde e Cayetano. O Benfica leva o trofeo, no que Javier Sagarzazu, amo e señor do lateral dereito, disputa os 180 minutos. Aínda que en moitas ocasións mencionouse que Sagarzazu é elixido mellor xogador daquel Teresa Herrera, a realidade é que o trofeo é gañado por Arzubialde.

Unha semana despois, o 16 de agosto, o Deportivo afronta o seu quinto test da pretemporada. É a IV edición do Trofeo Concello de Carral, na que o Dépor debe medirse ao Ourense, por aquel entón equipo de Segunda B. No autocar camiño da Vila dos Mártires, Sagarzazu séntese indisposto. Á altura de Tabeaio, ao redor das 16:25 horas, o xogador comeza a respirar entrecortadamente.

Detrás de Sagarzazu viaxa Fontana que, sen imaxinarse nin de lonxe o que se aveciña, bromea co seu compañeiro: “Menos mal que a viaxe é curta. Se chegamos a ir a Castellón...”, dille. Inmediatamente, Fontana nota que Sagarzazu se ladea e queda ríxido. O autobús detense de inmediato. José Ángel Franganillo, preparador físico, e Antonio Vázquez ‘El Gitano', masaxista, tratan de reanimalo practicándolle o boca a boca.

Nun vehículo particular, Sagarzazu é trasladado a Carral, onde o facultativo da localidade, o Dr. Eduardo Pérez Pérez, fornécelle estimulantes cardíacos. O Dr. Rama, requirido pola UD Carral, o club local, tamén lle axuda nos intentos de reanimar ao futbolista.

O Dr. Pérez afirma ante a prensa que Sagarzazu chega ás súas mans “clinicamente morto”. “Atendino como fixese co meu pai ou co meu fillo, pero aínda que volveu respirar, non recobrou o coñecemento. Non había nada que facer”.

Unha ambulancia trasládao á Cidade Sanitaria da Coruña. Ás 17:25 horas, o corpo de Sagarzazu entra no servizo de urxencias do Hospital Juan Canalejo. É imediatamente atendido polo Dr. De Santiago, que desgraciadamente só pode constatar o falecemento do xogador. Unha edema cerebral que se complica con outro pulmonar é a causa da súa morte.

Ninguén pode crer a noticia. Aínda que recentemente chegado á Coruña, Sagarzazu granxéase a amizade de todo o cadro. “Era a bondade personificada”, afirma un incrédulo Fontana. “Nas probas físicas fora dos mellores. Verdadeiramente non mo creo aínda”, explica o técnico Eusebio Ríos.

Obviamente, o partido é suspendido. Os restos do xogador son trasladados a Pompas Fúnebres, onde os seus compañeiros e os directivos do Club velan o cadáver toda a noite.

Ao día seguinte, luns 17 de agosto, na Colexiata de Santa María del Campo ofíciase un funeral solemne polo eterno descanso de Sagarzazu, nun ambiente de gran emoción. Esa mesma tarde, o corpo do futbolista é trasladado a Azkoitia, a súa localidade natal, onde recibe sepultura un día máis tarde, o martes 18 de agosto.

Días antes, Sagarzazu, recoñecido como un home introvertido, culto e amante da lectura, pedira uns días libres para acabar de perfilar a súa voda con Yosune, xa embarazada do seu primeiro fillo. Xabier nacería poucos meses despois do falecemento do seu pai. Uns anos despois, o 22 de xuño de 1993, a Real Sociedad elixiu a Xabier para marcar, a porta baleira e co estadio ás escuras, o último gol da historia de Atocha.

Con anterioridade, sucédense os encontros de homenaxe. O 2 de setembro de 1987, en Atocha mídense a Real Sociedad e un combinado da liga. Gaña o equipo local por 3-2, nun partido con moito aroma deportivista: tres dos cinco goles son obra de López Rekarte, Txiki Begiristain (futuros branquiazuis) e Chuchi Hidalgo (xogador branquiazul naquel momento). O 21 do mesmo mes, o Deportivo visita Azkoitia para medirse ao Anaitasuna local, o club no que se formou Sagarzazu.

O Concello de Carral sumouse ás homenaxes dedicándolle unha rúa, cuxo nome mantívose durante varias décadas ata que foi cambiado hai uns anos. Agora chámase Rúa Paraíso.

Anos despois, varios xogadores recoñecerían que o suceso marcou para sempre a un vestiario que estivo a piques de dar cos seus ósos en Segunda B. “Ninguén de nós tivera unha experiencia semellante. Quedamos afundidos durante moito tempo”, recoñeceu Vicente, que acabaría salvando os mobles no último minuto do último partido dunha temporada que concluíu como un pesadelo despois de comezar da maneira máis dramática.