RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor perde a imbatibilidade en ABANCA-RIAZOR (0-1)

O Deportivo perdeu a condición de invicto no Estadio ABANCA-RIAZOR, ao ser derrotado pola UD Las Palmas por 0-1.

Natxo González, preparador branquiazul, realizou tres cambios con respecto ao once que presentou na pasada xornada. David Simón, Álex Bergantiños e Fede Cartabia deixaron o seu sitio a Eneko Bóveda, Vicente Gómez e Pedro Sánchez, respectivamente.

Nada máis comezar o partido, o conxunto canario xa puxo a proba a Dani Giménez. Transcorreran só 13 segundos cando Araujo disparou frouxo ás mans do porteiro deportivista, após unha acción pola esquerda do ataque do equipo amarelo.

Aos 8 minutos de partido, o Deportivo dispuxo dunha primeira ocasión moi clara e por partida dobre, a balón parado. Pedro Sánchez colgou o balón á área onde Domingos Duarte, completamente só, cabeceou ás mans de Raúl Fernández. Aínda así, o meta visitante non capturou o coiro e o seu rexeite caeu a Vicente Gómez, que non foi capaz de remachalo ao botarlle moi alto.

Até mediada a primeira metade non se volveu a producir un ataque digno de mención. A pesar de que con anterioridade o Deportivo recuperou varios balóns en campo contrario, non chegou a levar perigo ao portal visitante. No minuto 25, Edu Expósito concluíu cun disparo por riba do traveseiro, desde o bordo da área, unha boa combinación polo extremo esquerdo do ataque coruñés.

Ao fío do descanso, Pedro tamén enviou a pelota por riba do traveseiro após unha veloz combinación con Quique nas inmediacións da área grancanaria. Co empate sen goles chegouse ao descanso.

O Dépor arrancou con forza a segunda parte. Acabou en saque de esquina a mellor acción colectiva do partido até entón, nun desborde de Nahuel no extremo esquerdo, con pase atrás cara a Pedro. Este, á súa vez, cedeu cara á frontal para a chegada de Vicente Gómez, cuxo disparo, en posición franca, rebotou nun defensor grancanario antes de perderse pola liña de fondo. Corría o minuto 48.

Aos 61 minutos, Nahuel probouno desde a longa distancia, após unha diagonal cara a dentro. O seu potente disparo saíu, con todo, moi centrado. Raúl Fernández detivo o coiro con seguridade.

Catro minutos despois, Álvaro Lemos gozou dunha clara ocasión para a UD Las Palmas. O canteirán deportivista quixo colocar o coiro co interior do seu pé dereito, pero contactou mal e o seu disparo foi a parar a mans de Dani Giménez.

No minuto 83, o colexiado deixou ao Deportivo con dez xogadores ao expulsar a Edu Expósito, por unha entrada por detrás a Rubén Castro. Na falta, Dani Giménez evitou o gol cunha gran estirada ao colocado lanzamento de Timor.

Tres minutos máis tarde, outro ex deportivista, Aythami puxo por diante ao equipo insular, cun disparo desde o bordo da área que se introduciu na portería herculina despois de golpear na parte interna do pau dereito.

Cun menos, era misión imposible para o Deportivo, que a pesar de tentalo sobre todo con balóns colgados, non puxo en apertos a Raúl Fernández até o asubío final.

Con esta derrota, o Deportivo queda cos 49 puntos que tiña, inmerso no pelotón de cabeza de LaLiga 1|2|3, a 5 puntos das posicións de ascenso directo. A próxima xornada, o Dépor sumará os 3 puntos correspondentes ao encontro contra o CF Reus, club expulsado de LaLiga.

RC Deportivo: Dani Giménez, Eneko Bóveda, Domingos Duarte, Pablo Marí, Diego Caballo, Vicente Gómez, Pedro Mosquera (Christian Santos, min. 81), Pedro (Borja Valle, min. 74), Edu Expósito, Nahuel (Fede Cartabia, min. 68) e Quique.

UD Las Palmas: Raúl Fernández, Lemos, David García, Aythami, De la Bella, Blum (Eric Curbelo, min. 56), Ruiz de Galarreta, Timor, Momo (Fidel, min. 77), Araujo (Maikel Mesa, min. 70) e Rubén Castro.

Gol: 0-1 Aythami (min. 86).

Árbitro: De la Fuente Ramos (c. castelán-leonés). Expulsou con vermella directa a Edu Expósito (min. 83). Cartón amarelo a Pablo Marí (min. 23), Pedro (min. 55), Ruiz de Galarreta (min. 75), Diego Caballo (min. 80), Eric Curbelo (min. 82) e Fidel (min. 89).

Incidencias: partido correspondente á 28ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 16.244 espectadores.