RCD / NOVAS

A deportivista Paula Novo continúa no radar das categorías inferiores da selección española

25/05/2021 16:49

A futbolista do Dépor ABANCA B Paula Novo (Boiro, 1 de xaneiro de 2005) recolle o testemuño doutras deportivistas como Carlota, Eva Dios ou Sara Álvarez e continúa no punto de mira das categorías inferiores da selección española.

Así, a futbolista branquiazul acaba de ser convocada para uns adestramentos co combinado sub-17, que terán lugar na localidade alacantina de Alfaz del Pi do luns 31 ao xoves 3 de xuño.

A central do Dépor ABANCA B, que xa sabe o que é participar con anterioridade en concentracións da sub-15 e sub-16 de España, foi titular indiscutible esta temporada no filial branquiazul que milita na Primeira Nacional Feminina: en total saltou de inicio en 16 dos 18 partidos nos que participou até a data no equipo que prepara Kevin Cabado.