RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"A dinámica do equipo é boa", opina Lucas Pérez

Lucas Pérez foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo. Advirte de que hai "moitas ganas de xogar" despois do parón, "aparte contra un rival (o Málaga) que non o está facendo ben a día de hoxe. Imos a un partido moi complicado onde eles necesitan gañar".

Explica que estes días sen competición, "estivemos a traballar nos erros que cre o míster que tiñamos. Está a empezarnos a meter os conceptos aos poucos. Estas dúas semanas viñéronnos ben. Esta semana é a que estamos a traballar máis para afrontar o partido do domingo" na Rosaleda (12:00 horas, Bein LaLiga).

A nivel persoal, afirma o dianteiro coruñés que "cada día que pasa atópome moito mellor. Ao non facer pretemporada nótase e o paso do tempo, o poder traballar día a día co grupo axúdame".

Cre que en Málaga "temos que xogar o noso partido. Se lles entra a ansiedade, temos que xogar con iso. Imos a un campo moi difícil", avisa.

Pide un triunfo o domingo "para tirar para arriba" despois da vitoria nas Palmas e unha derrota no Estadio ABANCA-RIAZOR no último minuto do partido ante o Atlético de Madrid. "A dinámica do equipo é boa, imos ir alí a gañar como fixemos nas Palmas para seguir cara arriba", conclúe.

Asegura que "nós sabemos que podemos gañar partidos tanto na casa como fóra de casa. Somos moi capaces".

Coa chegada de Cristóbal, Lucas subliña que "o míster traballou temas defensivos esta semana, fixo fincapé en temas defensivos para a presión arriba, para que as tres liñas esteamos máis xuntas. É o que máis traballou".

Preguntado sobre o seu sistema favorito, indica que sente a gusto con calquera sistema: "A táctica a marcas ao comezo do partido e logo a mobilidade dos xogadores varía. Vai depender do que nos pida o míster en cada partido. Eu estou a gusto tanto xogando só como con outro compañeiro arriba".