RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A familia de Cheché Martín cede o seu álbum de fotos para o deportivismo en "Recordos en Branco e Azul"

O arquivo persoal de José María Martín Rodríguez, Cheché Martín, atópase a disposición de todo o deportivismo grazas á cesión, por parte da súa familia, do devandito material, que se pode ver na web "Recordos en Branco e Azul".

A súa filla Amelia Martín Carmona puxo en mans do Club gran cantidade de fotografías e documentos do paso de Cheché polo Deportivo. O Club dixitalizou unha trintena de imaxes, das que desde hoxe se poden ver, xa documentadas e datadas, ao redor dunha decena. As demais iranse publicando aos poucos en datas vindeiras.

Cheché, coruñés de nacemento, viuse obrigado a emigrar coa súa familia a Arxentina aos 12 anos, despois de que o seu pai, secretario do Concello, fose fusilado. Após xogar no Banfield arxentino e máis tarde no venezolano Vasco de Caracas e o francés Angers, volveu á Coruña en 1948 para fichar polo Deportivo.

A pesar de xogar soamente dúas campañas de branquiazul (44 partidos, 2 goles) fixo historia como parte do equipo que alcanzou o subcampeonato de Primeira División na Temporada 1949-1950, formando unha impoñente parella na media con Guimeráns.

Posteriormente, Martín foi adestrador deportivista en tres épocas distintas. Na primeira, que arrancou co inicio do curso 1968-1969, estivo a piques de conducir ao Dépor á súa primeira clasificación para competición europea. O curso seguinte acabou con descenso a Segunda, pola diferenza de goles co Sabadell, e coa súa primeira saída do banco branquiazul. A súa segunda etapa arrincou no tramo final do curso 1975-1976, o do regreso a Segunda División tralo paso por Terceira. O curso seguinte volveu tomar as rendas do equipo trala destitución de Héctor Rial, pero tivo que deixalo pouco despois debido a problemas de saúde. En total, Cheché dirixiu 91 partidos do Deportivo (60 en Primeira División, 21 en Segunda División e 10 en Copa de España), que o converten no sexto técnico que máis veces se sentou no banco branquiazul en toda a historia.

Na páxina web recordos.rcdeportivo.es calquera afeccionado ten a posibilidade de achegar o seu granito de area á reconstrución da historia do Club. Un novo dato sobre unha imaxe mediante un comentario, a cesión dunha nova fotografía, unha historia persoal ao redor da instantánea en cuestión...

A mellor opción é a de achegarse coa fotografía orixinal ás oficinas do Club na Praza de Pontevedra, 19, 1º (de luns a venres de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas) para proceder á súa dixitalización coa maior calidade posible. Unha vez dixitalizada, a fotografía orixinal seralle devolta ao propietario, xunto á copia dixitalizada da mesma nunha memoria USB.

O cedente sempre conservará a propiedade da imaxe, que prestará ao RC Deportivo soamente para uso institucional. Todas as fotos publicadas están protexidas con marca de auga para evitar o seu uso fraudulento.

Tamén existe a posibilidade de darse de alta en "Recordos en Branco e Azul", creando, coa mesma sinxeleza que en calquera rede social, un perfil de usuario a través do que quedará constancia de que a foto é da súa propiedade.

A partir de aí, o usuario poderá comentar calquera fotografía e adquire a posibilidade de compartir co deportivismo unha nova imaxe. Cando efectúe a cesión directa da instantánea, esta non será visible de inmediato, pois deberá recibir o visto e prace en función de diversos estándares de calidade fotográfica e valor histórico.