RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"A mesma normalidade que lle damos á vitoria hai que darlla á derrota", comentou Borja Jiménez

Unha vez consumada a primeira derrota nesta temporada, Borja Jiménez comentou na sala de prensa do Estadio Reina Sofía de Salamanca que "estaba claro que algún día ía chegar. Tentamos atrasala o máximo posible. Entramos ben ao partido, fixemos o 1-0. Tivemos a situación moi clara de Quiles para facer incluso o 0-2. Tivemos outra situación con Miku na área pequena para empatar 2-2 ou facer o 1-2, non estou moi seguro".

Iso si, admite que "a raíz do primeiro gol temos aí cinco ou seis minutos que nos custa máis porque é normal, pásalle a todos os equipos. Na segunda parte levamos todo o peso do partido. Estaba claro que algunha transición poderían sacar, pero faltounos un pouquiño de quizá un contra un cando levamos a pelota sobre a súa última liña. Non pasa nada, a mellorar e a pensar no venres", conclúe en alusión á próxima visita da SD Logroñés a ABANCA-RIAZOR.

Sobre o Unionistas de Salamanca CF, comenta que "manexa moi ben o xogo directo. Cando tes dous xogadores como De la Nava e Espina a pelota tarda moi pouco en chegar á túa área. Son gañadores de duelos. Está claro que aquí vai ser un equipo complicado de gañar. A nivel defensivo utilizan moitos xogadores moi próximos á área. Non é sinxelo cando un equipo con tan pouco pon a pelota na área e logo acumula tantos xogadores na súa propia área. É un equipo moi traballado, xa o sabiamos, que non perdera aínda".

O técnico deportivista asume a derrota con naturalidade e insiste en que "temos que entender que no fútbol cada sete dias hai un que perde e outro que gaña. Tivemos a sorte neste bloque de cinco partidos de facer doce puntos, oxalá no seguintes cinco teñamos a capacidade de facer outros doce, oxalá. O equipo tense que afacer manexar situacións cando está por detrás do marcador, que non o sentimos até hoxe. A mesma normalidade que lle damos á vitoria hai que darlla á derrota e corrixir as situacións que na primeira parte xeráronnos perigo, que creo que non foi un tema colectivo senón algunhas situacións máis individuais de defensa en determinadas accións".

Explica Borja Jiménez que após o descanso, e por detrás no marcador, "optamos por ter en primeira liña xogadores de menos envergadura. Terminamos con Lapeña e Villares nese inicio para que a pelota fose un pouquiño máis limpa e máis rápida. Chegamos moitísimas veces a esa zona de tres cuartos, pero aí morréronnos a maioría das accións. Na segunda parte non xeramos moitas situacións, si de dominio, pero non de gol. É normal. Atopámonos con seis xogadores na última liña e dúas moi próximos aos centrais. E non é fácil. Temos que traballar porque son situacións que probablemente se dean durante o ano e que temos que saber desatascalas".

Finalmente, o adestrador branquiazul afirma que "esta categoría é isto. Non podiamos pornos a capa de Superman e pensar que que non iamos perder nunca. Oxalá no seguintes cinco partidos fagamos outros doce puntos. Iso significa que imos en moi boa liña. Imos pelexar por facer quince, pero a nivel de puntuación creo que o bloque de cinco partidos foi positivo. Hai que darlle normalidade. No fútbol todo pode cambiar en función do que ocorra o domingo, pero para iso estamos nós, para darlle normalidade, que os xogadores entendan que vai haber máis derrotas este ano e xa está. Mañá a adestrar cedo en Abegondo e pensar na SD Logroñés", conclúe.