RCD / NOVAS

ABANCA e o Dépor chegan a un acordo de refinanciamento da débeda e patrocinio do estadio

29/06/2017 19:20

ABANCA e o RC Deportivo presentaron esta tarde o acordo polo que a entidade financeira achega 45 millóns de euros, que permitiron ao Club cancelar esta mesma mañá a súa débeda privilexiada con Facenda e permitirán abordar as obras no estadio anunciadas onte no acordo co Concello, ademais da ampliación do contrato de patrocinio que, entre outras cousas, incluirá a nova denominación comercial de Estadio ABANCA-RIAZOR.

A operación, que permite ao RC Deportivo fortalecer o seu proxecto deportivo e institucional, leva asociado un plan de tesouraría a 15 anos grazas ao cal o Club poderá afrontar con maior desafogo a carga financeira anual.

O acordo proporcionará liquidez á entidade branquiazul. O RC Deportivo poderá elevar o seu tope salarial e ampliar as posibilidades no mercado de fichaxes para formar un equipo máis competitivo. Igualmente, achegará recursos para executar o calendario de reformas no estadio, que o adecuarán ás necesidades actuais do fútbol de elite.

Ademais do acordo financeiro, Dépor e ABANCA asinaron un novo contrato de patrocinio, ampliando o alcance e a duración do actual. O aspecto máis significativo do mesmo é que o Estadio de Riazor pasará a denominarse comercialmente Estadio ABANCA-RIAZOR durante os vindeiros oito anos, ata 2025.

Á conclusión da reforma das cubertas, o Deportivo acometerá a mellora da iluminación e a fachada, pero xa desde esta temporada, os novos bancos incrustados na bancada, as novas zonas de bares e ambigús ou a creación dunha zona de 'hospitality' e traballo corporativo na área de Tribuna, serán unha realidade.

Ademais deste plan de melloras inmediatas, o Deportivo desenvolverá un plan global de actuación sobre o Estadio ABANCA-RIAZOR co fin de realizar unha profunda mellora do seu exterior. O Club desenvolverá un proxecto de reforma progresiva da fachada, coordinado coas obras de reforma da cuberta que acometerá o consistorio.

O Deportivo renovará tamén as dotacións de infraestruturas interiores, accesos e accesibilidade e executará un plan de innovación tecnolóxica que pontenciará a compra e venda de entradas, a identificación a través de aplicacións móbiles e a comunicación con socios e simpatizantes.

O convenio con ABANCA abre para o Dépor unha nova etapa, tras a operación financeira máis importante nos 111 anos de historia do Club.

O presidente do RC Deportivo, Tino Fernández, asegurou que "a vida non dá moitos días especiais e para min este é un deles. Non podo estar máis feliz e creo que toda a xente que quere ao Deportivo ten que estalo".

O máximo mandatario deportivista comunicou o ingreso, esta mesma mañá, de 43 millóns de euros á Axencia Tributaria para cancelar a débeda privilexiada e lembrou que "nestes tres últimos anos pagamos 82 millóns de euros a Facenda".

Sobre "o compromiso de reforma" no estadio que o Club adquiriu co Concello e que foi anunciado onte, mércores, Tino Fernández afirmou que "será posible grazas a este acordo con ABANCA".

O presidente branquiazul recoñeceu, respecto das maiores posibilidades á hora de fichar, que "é evidente que hai unha mellora, pero temos que falar con LaLiga".

Pola súa banda, Juan Carlos Escotet Rodríguez, presidente de ABANCA, declarou que para el "é unha honra contribuír para que o club teña novas posibilidades de futuro".

"Somos conscientes de que apoiando ao Deportivo tamén fortalecemos a nosa relación cos seus afeccionados en todo o mundo", aseverou, antes de reafirmar que "este acordo lle vai a permitir ao Club o músculo económico para realizar as operacións que necesita".

Por último, anunciou que ABANCA concederÍA facilidades en caso dun hipotético descenso a Segunda División. "Estou convencido de que o Deportivo non baixará pero, se ocorrese, haberá un período de carencia".