RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Abanca, EstrelLa Galicia e o Concello recibirán ás nosas após o ascenso

Minutos despois das 14:00 h. o avión que traía de volta ás xogadoras do Dépor Abanca tomaba terra no aeroporto de Alvedro para dar inicio aos festexos, xa en casa, após o ascenso á liga Iberdrola. Máis dun centenar de afeccionados, familiares e compañeiros do Dépor Genuine esperaban na terminal ao equipo branquiazul ao que corearon, abrazaron e recibiron con honras de campión. Após moitos minutos e decenas de fotos e xestos de agarimo, as xogadoras deportivistas subíronse ao autobús oficial do Dépor para concluír a súa viaxe de volta no Estadio ABANCA-RIAZOR, onde comezara o sábado ás 05:30 horas.

Após descansar hoxe pola tarde e mañá pola mañá, os actos protocolarios continuarán mañá martes coas recepcións por parte dos patrocinadores.

Ás 19:00 h. na súa Oficina Principal de Rúa Nova, ABANCA recibirá ás xogadoras, técnicos e directivos dos dous equipos aos que dá nome, o Dépor ABANCA A, equipo de Liga Iberdrola para a próxima campaña e o Dépor ABANCA B, que hai dez días ascendeu a Segunda Nacional.

Ás 20:30 a cita do primeiro equipo é na Cervecería de Estrella Galicia en Catro Camiños, onde serán recibidos por representantes de Estrella Galicia, que a través da súa división de augas, e concretamente da marca Cabreiroá, tamén apoia ao equipo branquiazul.

A recepción institucional terá lugar o mércores. Ás 14:00 horas, os dous equipos do Deportivo ABANCA serán recibidos polo alcalde e a corporación municipal no Palacio de María Pita.

A homenaxe do Deportivismo será o vindeiro luns no Estadio ABANCA-RIAZOR nos prolegómenos do Dépor-Mallorca de LaLiga.