RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

ABANCA-RIAZOR tamén tomba ao Osasuna (2-0)

O Deportivo sumou ante o Osasuna unha nova vitoria, a oitava en 15 partidos, que lle aúpa ao liderado provisional de LaLiga 1|2|3 e coa que acumula xa 10 xornadas sen coñecer a derrota, con 22 puntos de 30 posibles.

O preparador branquiazul, Natxo González, realizou catro modificacións con respecto ao once inicial que presentou no Estadio Juegos Mediterráneos o pasado luns. Tres deles producíronse en mediocampo, onde Álex Bergantiños –lesionado–, Edu Expósito e Carles Gil deixaron o seu sitio a Pedro Mosquera, Michael Krohn-Dehli e Fede Cartabia. En ataque, Christian Santos foi substituído por Carlos Fernández, ausente en Almería debido á convocatoria coa Selección Española sub-21.

O partido arrancou marcado polo diluvio constante, un chuvieiro como facía tempo que non caía sobre a capital herculina. Os xardineiros tiveron que traballar na hora previa para achicar auga, sobre todo, nos córneres da banda de Preferencia. En boa parte do terreo de xogo, o balón freábase ou quedaba completamente parado.

E tamén arrancou con varias xogadas polémicas.

Aos 4 minutos, o colexiado sinalou fóra de xogo nun balón longo de Pedro Mosquera para Carlos Fernández, que o dianteiro andaluz controlara perfectamente para plantarse só ante Rubén. O ariete deportivista, con todo, atopábase en situación legal.

Cando se cumpría o minuto 10, Vicente Gómez reclamou penalti por un agarrón á saída dun córner. Con todo, o árbitro omitiu a infracción para sinalar a seguinte, cometida polo propio centrocampista branquiazul após escapárselle o control da pelota.

David García dispuxo da primeira ocasión para o Osasuna, ao cabecear unha falta lateral, no minuto 14. O balón perdeuse pola liña de fondo, moi preto do poste dereito do portal herculino.

Na seguinte acción, respondeu Quique, cunha cabezada a centro de David Simón que Rubén repeleu como puido. O rexeite volveu caer a pés do propio Quique, que non foi capaz de precisar o seu remate.

O conxunto navarro engarzou unha boa combinación polo centro, que culminou Roberto Torres cun potente disparo. Dani Giménez respondeu como o fixo o seu predecesor na portería coruñesa con anterioridade: despexando de puños para evitar males maiores.

No minuto 27 reavivouse a polémica, cunha clara man de Clerc que cortou un pase da morte de Fede Cartabia cara a Quique. O balón perdeuse pola liña de fondo e Gorostegui Fernández-Ortega sinalou saque de esquina.

Dez minutos máis tarde, dobre oportunidade para o Dépor. En primeira instancia, nun disparo de Krohn-Dehli, chegando desde atrás, que rebotou na perna dun defensa osasunista. Segundos máis tarde, na continuación da xogada, probouno Fede Cartabia, nunha especie de centro-chute, que non atopou nin rematador nin portería.

Ao fío do descanso, no minuto 43, adiantouse o Deportivo, cun novo tanto de Carlos Fernández. O goleador deportivista sumou o seu sétimo gol en LaLiga 1|2|3 fusilando a Rubén desde preto, após un fenomenal servizo desde a dereita de Fede Cartabia.

Na última acción da primeira metade, Dani Giménez despexou en felina estirada un remate de Unai García á saída dun córner. O colexiado nin sequera permitiu botar o novo saque de esquina, enviando aos protagonistas aos vestiarios.

A segunda metade arrincou cun maior control da pelota por parte do Dépor, que mesmo adiantou liñas e manexou máis o encontro en campo contrario.

Non remataron os branquiazuis á portería pamplonica até o minuto 56. Fíxoo Carlos Fernández, nunha acrobática volea a centro de Saúl. O remate, mordido, detívoo o gardameta osasunista sen problemas.

Nada máis ingresar Edu Expósito en lugar de Krohn-Dehli, Fede Cartabia atopouse co traveseiro, nun zurdazo que Rubén rozou coa xema dos dedos para evitar o segundo gol. Corría o minuto 64.

A un cuarto de hora da conclusión, Pablo Marí ampliou distancias para o Dépor, ao cabecear no segundo pau un córner lanzado por Fede Cartabia. O central anotou deste xeito o seu segundo tanto da temporada.

A cinco minutos da conclusión, Dani Giménez evitou que o Osasuna metésese de cheo no partido. O porteiro deportivista, pleno de reflexos, rexeitou unha cabezada chegando desde atrás de Unai García.

Foi o canto do cisne do conxunto rojillo, que probou a medicina dun Dépor practicamente intocable en ABANCA-RIAZOR, onde suma 19 dos 21 puntos que se puxeron en xogo. Cos tres de hoxe, ademais de alcanzar a 15ª xornada cunha soa derrota no seu marcador, o Deportivo déitase líder de LaLiga 1|2|3, á espera do que fagan mañá Alcorcón e Málaga.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pedro Marí, Saúl, Krohn-Dehli (Edu Expósito, min. 64), Pedro Mosquera, Vicente Gómez (Didier Moreno, min. 87), Fede Cartabia, Carlos Fernández e Quique (Christian Santos, min. 72).

CA Osasuna: Rubén, Lillo, Unai García, David García, Clerc, Roberto Torres (Brandon, min. 77), Oier, Fran Mérida, Kike Barja (Nacho Vidal, min. 61), Juan Villar (David Rodríguez, min. 77) e Rubén García.

Goles: 1-0 Carlos Fernández (min. 43); 2-0 Pablo Marí (min. 75).

Árbitro: Gorostegui Fernández-Ortega (c. vasco). Cartón amarelo a Fran Mérida (min. 37), David Simón (min. 41), Clerc (min. 47), Domingos Duarte (min. 84), Brandon (min. 89) e Carlos Fernández (min. 90+2).

Incidencias: partido correspondente á 15ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 13.625 espectadores. Nos prolegómenos, Carlos Fernández recibiu o trofeo ao mellor xogador de LaLiga 1|2|3 do mes de outubro. Os xogadores do Dépor portaron brazaletes negros coa lenda 25N, para facer visible o día internacional contra a violencia machista. Saltaron acompañados das xogadoras do Dépor ABANCA coas que posaron xunto á pancarta: Espazo Libre de Violencias Machistas, A Coruña en Negro.