RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Adrián insufla osíxeno ao Dépor (1-0)

Adrián López festexou o seu partido número 100 co Dépor en Primeira División regalándolle tres puntos de ouro ante o Leganés, mercé a un gol mediado o primeiro período, nun partido que os coruñeses mereceron gañar amplamente ante un rival duro que non chegou a tirar entre os tres paus.

O técnico deportivista, Cristóbal Parralo, realizou dous cambios na aliñación con respecto ao encontro da pasada xornada fronte ao Sevilla no Ramón Sánchez Pizjuán, ambos na medular. Fede Valverde e Fede Cartabia deixaron seu sitio a Emre Çolak e Carles Gil.

Aos 6 minutos, produciuse o primeiro achegamento. O Dépor chegou á área visitante após un despexe en curto da zaga do Leganés que recolleu Lucas. O '7' branquiazul deixou só a Emre Çolak na área, pero cara ao seu perfil malo, o dereito. O turco preferiu deixar atrás de tacón para Carles Gil, que tentou colocar o seu disparo pero este estrelouse nun defensa contrario.

Co Leganés agochado atrás e o Dépor monopolizando a posesión pero sen chegar con claridade á área discorreu o primeiro cuarto de encontro. Ata que Adrián abriu a lata no minuto 24. Emre Çolak lanzou un duro zurdazo desde a frontal da área, Cuéllar non puido atrapar o balón, que despexou en curto Raúl García cara a Adrián. Co porteiro visitante no chan, o asturiano puxo a cabeza para asegurar o golpeo e colocar o esférico con suavidade entre os tres paus.

No minuto 31, Adrián estivo a piques de ampliar distancias, ao culminar cun dereitazo desde a frontal da área grande un contragolpe conducido por Borges e Carles Gil. Cuéllar estivo rápido para rexeitar a saque de esquina. Dous minutos despois probouno Guilherme, desde uns 25 metros. Neste caso, o coiro escapouse por pouco por riba do traveseiro.

O Leganés gozou da súa única oportunidade no primeiro acto na última xogada do mesmo. Bustinza cabeceou fóra un saque de esquina cando xa se cumpría o minuto 45.

A segunda metade comezou cun Leganés un pouco máis atrevido, despois de que o Dépor tivese o 62 por cento da posesión na primeira metade. Con todo, a primeira oportunidade após o intermedio tamén estivo nos pés do Dépor. Un centro de Juanfran recolleuno na área Adrián, que deixou cara á esquerda para que Emre Çolak, completamente só, engatillase coa zurda. O disparo do turco foise ás nubes.

A piques de cumprirse a hora de xogo, Lucas estivo a piques de roubarlle a carteira ao porteiro visitante. Cuéllar recibiu practicamente baixo paus unha cesión excesivamente curta, aínda que acertou a despexar contra o dianteiro deportivista e conseguir que o esférico marchase pola liña de fondo. No minuto 67, o traveseiro evitou o 2-0. Lucas botou un córner en curto para Carles Gil, que se perfilou para golpear con efecto cara ao segundo pau. Con Cuéllar totalmente superado, o traveseiro repeleu o disparo do valenciano.

Tres minutos máis tarde, un centro-chute de Fernando Navarro marchouse por riba do traveseiro. No minuto 75, Cuéllar rexeitou un duro dereitazo de Celso Borges, que pouco antes tivo que ser atendido após un choque con Beauvue. E na seguinte acción, Carles Gil practicamente calcou o seu disparo anterior ao traveseiro, aínda que nesta ocasión escapóuselle por pouco por riba do traveseiro.

O Dépor acariñou de novo a sentenza no minuto 81, por medio de Adrián, após un servizo de Lucas desde o extremo esquerdo. O remate do dianteiro deportivista, coa zurda, marchouse moi preto da cepa do poste esquerdo do portal visitante.

Nos últimos minutos, o Leganés tratou de buscar o empate con balóns colgados á área, pero a defensa coruñesa sempre conxurou o perigo.

Con esta vitoria, a cuarta da temporada, o Deportivo colócase con 15 puntos no mesmo número de xornadas, volvendo afastarse da zona de descenso.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Sidnei, Schär, Fernando Navarro, Guilherme, Borges, Carles Gil (Fede Valverde, min. 87), Emre Çolak (Pedro Mosquera, min. 90+4), Adrián (Bakkali, min. 83) e Lucas.

CD Leganés: Cuéllar, Tito, Bustinza, Raúl García, Diego Rico, Rubén Pérez (Gumbau, min. 46), El Zhar (José Naranjo, min. 69), Eraso, Gabriel, Szymanowski (Amrabat, min. 53) e Beauvue.

Gol: 1-0 Adrián (min. 24).

Árbitro: Melero López (c. andaluz). Cartón amarelo a Schär (min. 27), Rubén Pérez (min. 39), Borges (min. 48), Guilherme (min. 53), Gumbau (min. 61), Beauvue (min. 89), Gabriel (min. 90) e Fernando Navarro (min. 90+3).

Incidencias: partido da 15ª xornada de LaLiga disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 18.447 espectadores.