RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños: "Agora mesmo hai que ser fortes e ter a personalidade suficiente para reverter a situación"

O capitán Álex Bergantiños foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.

O mediocentro coruñés asegura que os xogadores branquiazuis encaran a visita deste domingo 1 de decembro (18:00 horas, Movistar LaLiga) ao CD Lugo "motivados. O pasado sábado (ante o Alcorcón en ABANCA-RIAZOR) o equipo estivo con confianza no campo. A ver se conseguimos que sexa unha base para a partir de aí ir mellorando e subindo postos na clasificación, que é o obxectivo que temos".

Lembra que ao CD Lugo "mesmo na miña época do Fabril nunca conseguimos gañarlles. É un rival que historicamente se nos dá mal, pero as estatísticas están para rompelas. Tamén unha serie de partidos sen gañar como se está dando agora gran parte dos que estamos aquí nunca a vivimos. Son cousas que pasan no fútbol. O domingo o que importa é o que suceda no campo e a estatística pasada ou futura non vai ter ningún tipo de incidencia".

Insiste o futbolista branquiazul que "agora mesmo o que necesitamos é gañar e coller a confianza de que non somos tan malos para facer a temporada que estamos a facer. É un momento moi duro para todos. Nun equipo que sempre ten outras aspiracións verse como nos estamos vendo agora quizais sexa máis difícil de levantar que noutro tipo de Club. Agora mesmo hai que ser fortes e ter a personalidade suficiente para reverter a situación. Iso pasa por mostrar o camiño que fixemos o outro día. Nun partido complicado, viñamos con dúbidas, o equipo tivo personalidade e sentiuse seguro do que estaba a facer no campo. Logo podes estar máis ou menos acertado á hora de definir, pero eu creo que ten que ser o punto de partida. Cortar a sangría de goles que tiñamos en contra. O Alcorcón non chegou a sacar nin un córner. O tema é manter iso. Se conseguimos manter iso e rendibilizalo, empezaremos a crecer como equipo e virá esa vitoria que cambie a dinámica na que estamos metidos".

Insiste en que o ano é "difícil para todos. Estás nun club cunha expectativa que é moi elevada. O ano pasado quedamos a un gol de ascender a Primeira División. Ao final todo o mundo que vén aquí, todos os xogadores, todos os afeccionados pénsanse que vai ser un ano de tentalo outra vez, de se estivo tan preto este ano si vai ser. Veste na xornada 17 pechacancelas, é un momento impactante e difícil de xestionar porque todos os xogadores que veñen aquí veñen cunha expectativa de brillar, de facer un ano importante nun club como é o Deportivo, cun escenario e cunha afección como é esta. Cando ves que os partidos che van superando, que vas perdendo partidos, que te metes abaixo e non estás a cumprir as expectativas, faise dobremente duro saír. Quizais nun equipo como este é máis difícil dar a volta a unha situación na que nos metemos que outro tipo de club. Contra isto é contra o que estamos a loitar e tentando mellorar día a día e que a xente tente abstraerse o máximo posible da traxectoria que levamos até agora e centrarnos no traballo, no que estamos a mellorar. E poñer o foco niso".

Precisamente do encontro ante o conxunto madrileño, Álex queda "co equilibrio entre a frustración dunha semana máis sen gañar e satisfacción porque creo que o equipo por primeira vez ou das poucas veces nesta temporada sentiuse convencido do que estaba a facer e seguro; con esa sensación de seguridade, de que non eramos fráxiles. É o que individualmente sentín e gran parte do equipo e os compañeiros. É algo que non viviran esta temporada: sentir que estabamos ben coordinados á hora de exercer, de xogar, de apertar, de que non eramos un equipo fráxil".

Preguntado pola situación do equipo, a 5 puntos da salvación despois de varios meses sen gañar, explica que "todos os partidos son moi complicados, todos os equipos suman pouco. As contas son as de sempre. Miramos as últimas temporadas e o ascenso directo son 75 puntos, o playoff vai andar en sesenta e algo, e a salvación entre 48 e 50. Non creo que vaia a cambiar. O que temos que facer é ir saíndo aos poucos. Se miramos a esas contas, temos moito camiño por percorrer polo lastre que levamos até agora. E a única maneira é empezar a gañar partidos e sumar. O que buscamos é ese punto de inflexión cunha vitoria, que nos faga ter esa confianza e nesta competición todos os anos temos millóns de exemplos de equipos que enlazan vitorias consecutivas, tempos sen gañar, tempo sen perder. Da moitísimas oportunidades porque non hai ningún equipo que sexa tan superior para distanciarse nin para facer máis puntos do normal; ou por abaixo equipos tan malos que non cheguen a esas puntuacións".

Do CD Lugo, Álex indica que "é un exemplo de optimizar os seus recursos, sempre con xogadores fiables que coñecen moi ben a categoría; e con pequenos retoques que van facendo cada ano en función dos xogadores que se lles van ou que teñen que soltar. Van facendo un cadro competitivo para Segunda. E aí están. É un equipo que ten bo trato de balón cos xogadores que ten en mediocampo. Sempre fai que se poida defender co balón e encaixar pouco; e despois aproveitar os recursos que ten arriba. Nesta competición, calquera balón parado, calquera situación illada fai que o partido se che poida poñer de cara, que é o que pretendemos que caia do noso lado".

Sobre o ambiente que rodea ao equipo, o capitán branquiazul reitera que "dentro (do vestiario) o que respiramos é fútbol e a mala situación que temos futbolística. Fai que todo o demais non chegue. Bastante estamos afectados polo que estamos a facer deportivamente como para que o grupo estea a pensar noutras situacións. Logo como coruñés e deportivista é un momento difícil por todo. Se fósemos en postos de ascenso directo ou estivésemos en Primeira, seguramente toda a contorna estaría moito máis contenta e non habería tantos comentarios doutras situacións, tanto económicas, de xestión, de nomes... Ao final é parte deste negocio do fútbol. É lóxico que cando as cousas van mal fálense de cambios ou doutras circunstancias; e hai que asumilo. Cada un na súa parcela tentando ser o máis honesto posible sempre co máis importante que é o Club e a cidade; e a partir de aí, nós como xogadores non podemos entrar en nada máis".