RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños opina que "a única maneira de saír desta situación é crecer en base ao colectivo"

Álex Bergantiños compareceu esta mañá na sala de prensa de Abegondo, unha vez concluída a sesión de traballo do Deportivo.

O capitán deportivista cualificou como "derrota dura" o resultado de onte en Girona. "Tentando que chegue xa pronto o seguinte para limpar a mente e cambiar as sensacións do partido de onte", engade.

O centrocampista coruñés cre que na situación do Dépor "xúntase un pouco todo. Individualmente non estamos a dar o noso mellor nivel. Colectivamente é un grupo novo, con xente moi nova, que teñen que ir collendo experiencia á hora de madurar e competir os partidos. Se xunta coa xeira de malos resultados que fai que haxa máis dúbidas aínda".

Opina que "a única maneira de saír desta situación é crecer en base ao colectivo e a partir de aí iniciar a progresión individual. Estamos a ter erros que nos penalizan moitísimo, impropios de xogadores do noso nivel. Así se fai difícil se todos os partidos estamos a encaixar fóra de ABANCA-RIAZOR 2 goles. Ou cortamos iso ou nesta categoría é imposible puntuar".

Confesa estar preocupado, "estamos os penúltimos. Só gañamos o primeiro partido. Estamos a encaixar con moita facilidade e hai que cambiar esa sensación de equipo fráxil, que encaixa á mínima. É unha situación preoocupante. O único bo e positivo é que o próximo partido é dentro de 2 días. Entre todos temos que unirnos dentro e mellorar a nosa versión para crecer colectivamente e cambiar a imaxe que estamos a dar de fraxilidade".

Razoa Álex Bergantiños que "peor non o podemos facer. Os erros que estamos a ter e a maneira que estamos a encaixar goles son impropios do nivel dos xogadores que hai. Temos que partir dunha mellora no colectivo. Ou empezamos a defender mellor colectivamente en todo tipo de accións (balón parado ou de xogo) e a partir de aí ir crecendo aos poucos ou se non imos seguir con esas dúbidas e esa desconfianza que estamos a sentir dentro do campo".

Explica que Juan Antonio Anquela "transmítenos que imos saír desta situación, que temos que ter confianza en nós mesmos e no grupo que hai para saír adiante e que temos que limpar a mente xa para o domingo, que está aí. Temos que irnos a casa, descansar, recuperar canto antes, tentar levantar a cabeza da negatividade que temos todos agora mesmo. E o domingo afrontar o partido desde cero. A única maneira de saír destas situacións é centrarse única e exclusivamente no curto prazo".

Insiste o capitán branquiazul que na situación actual "nos equivocariamos en falar de ascenso ou playoff. Temos que estar concienciados da situación na que estamos e sacar o seguinte partido".

Sobre o ambiente deste domingo 6 de outubro en ABANCA-RIAZOR ante a UD Almería (18:30 horas, Gol), prefire que "sexa ao final do partido cando os afeccionados digan se lles gustou ou non o que viron pero que durante o partido traten de sumar o máximo para que os xogadores séntanse o máis cómodo posible dentro da inseguridade que estamos a sentir".