RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños pide para mañá "xogar co corazón e por suposto con moita cabeza"

Álex Bergantiños compareceu onte na sala de prensa de Abegondo. 

O capitán deportivista cre que o de mañá sábado 8 de xuño en ABANCA-RIAZOR ante o Córdoba CF (20:30 horas, Movistar Partidazo), no que o Dépor necesita o triunfo para certificar a súa presenza no play off de ascenso, é un partido "para xogar co corazón por suposto e con moita cabeza".

Explica que os xogadores cordobeses "non teñen a obrigación do resultado. A nós só nos vale gañar e hai que ter moita cabeza durante o partido de non desesperarnos, de non querer frustrarte e desesperarte senón chega un gol pronto".

Pide estar "tamén preparados por se vén algún gol en contra ou se o partido non vai como queremos. Debemos ter a mente fría e saber que somos favoritos no partido pero temos que sacar nosa mellor versión".

Asegura que os futbolistas branquiazuis están "contentos por depender de nós mesmos para entrar no play off, sobre todo pensando en recuperar ben. Onte chegamos aínda da viaxe e hai pouca marxe de recuperación entre un partido e outro. Sobre todo tentar prepararnos o máis rápido posible e descansar ben para estar listos para a final do sábado".

Así mesmo, solicita respecto para o Córdoba, "un equipo de Segunda División como todos. Viuse esta fin de semana que equipos sen teoricamente obxectivos claros sacaron os seus partidos. Nesta competición hai máis igualdade que en ningunha outra. Hai que afrontar o partido co máximo respecto, sabendo que temos obrigación de gañar, pero hai que madurar o partido, saber xogalo. Se nos confiamos, se pensamos que vai ser máis sinxelo será o primeiro gol en contra que teñamos".

Advirte que os xogadores rivais "como profesionais quererán competir aquí, quererán mostrarse de cara ao ano que vén tanto ao seu adestrador como a posibles cambios de equipo que poidan ter. Se puidesen elixir, elixirían un partido contra un equipo que se xogue algo e que sexa o foco da xornada. Quererán facer un bo partido".

Espera un ABANCA-RIAZOR con "moi bo ambiente. É un bo horario, partido decisivo, o primeiro do play off se conseguimos gañalo. A afección vai estar e entender o momento que é da temporada. Vai haber un bo ambiente desde antes do partido, esperemos que con bo final e que nos faga entrar con confianza nese hipotético play off".

Preguntado pola falta de gol, Álex Bergantiños subliña que "se xeras, é o que está na túa man. Daquela o acerto, haberá días que haxa máis ou menos acerto. Agora estamos nun momento no que non nos están entrando. O positivo é que estamos a xerar. Loxicamente a repercusión sempre a leva o resultado. Se ganas en Zaragoza con só un tiro a porta todo parece moito máis bonito que o partido de Elxe, que quedas co marcador a cero e fixemos 7 ou 8 ocasións claras durante o partido". 

Do primeiro rival nun hipotético play off, "nunca sabes cal podería ser mellor", subliña o centrocampista branquiazul. "De xogar primeiro fóra ou en ABANCA-RIAZOR, a min daríame persoalmente un pouco igual. Nese play off a igualdade vai ser máxima. Os pequenos detalles deciden esas eliminatorias por todo, pola altura da competición, pola igualdade dos cadros e por xogarse todo en 3 días de diferenza. Oxalá podamos entrar e podamos contar con todos para facer fronte a todo tipo de contratempos que hai neste tipo de partidos, con tan pouco descanso e a estas alturas da competición".