RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex insiste na mensaxe de Fernando Vázquez: "Seguimos pensando nas 5 ou 6 vitorias que nos faltan para a permanencia"

Álex Bergantiños manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "o equipo está satisfeito co rendemento en canto a xogo. Temos que corrixir sobre todo as 2 accións dos 2 goles que nos fan dano na primeira parte e que non estiveron ben defendidas".

Do encontro de onte en La Romareda, o mediocentro coruñés apuntou que "foi un partido no que tivemos máis posesión, máis opcións de combinar en campo contrario que o outro día contra o Girona ou que nos últimos partidos nos que o equipo tivo menos o balón. En canto a ocasións foi un partido parello. Cando estabamos replegados tampouco sufrimos en exceso. Non creo que nos fixeron moito dano. Pero si erros puntuais de balón parado lastráronnos moito. Logo vén a expulsión que che condiciona".

Destaca Álex que "o equipo tivo personalidade, asumiu riscos defendendo con 3 e tentando presionar con 10. O equipo fixo un partido completo moi lastrado por erros en accións de remate e balón parado".

Insiste en que "no fondo estou satisfeito de como competiu o equipo a pesar de perder ante o 2º clasificado da liga. Hai que tentar ver que cousas fixemos ben e corrixir o que nos custou 2 goles contra o Girona e 3 onte. Quizais con menos ocasións concedidas encaixamos máis. Iso é o que temos que incidir para volver ser un equipo fiable e que encaixe pouco".

Asegura que dentro do vestiario, de portas cara adentro, "en todo momento tivemos claro a mensaxe que trouxo Fernando Vázquez desde que chegou. Os que pasamos polo que todos pasamos seguimos pensando nas 5 ou 6 vitorias que nos faltan para a permanencia. É a mensaxe que temos que ter. Seguimos coa mesma formulación e queremos conseguilas canto antes para pechar un ano de moito sufrimento; no que o equipo estivo na UCI e neste tramo é normal que apareza a derrota. Todo o mundo sabe que nesta categoría ninguén vai gañar 15 partidos seguidos. Ao final a derrota chegou".

Cualificou de "bonito" o encontro do próximo domingo 1 de marzo en ABANCA-RIAZOR ante o CD Lugo (16:00 horas, #Vamos): "É un derbi de veciños e moi preto na clasificación. Esperemos que se vexa un gran ambiente. Seguro que ABANCA-RIAZOR vai estar parecido ou mellor que os últimos partidos. Sabemos que é un partido importantísimo para nós por todo, por vir dunha derrota e por tentar dar un golpe a un rival que temos preto".

Vaticina ante o conxunto lucense "un partido moi complicado. Non vai ser fácil gañarlles aquí. Temos confianza. Estamos mellor en confianza e ferramentas para gañar que meses atrás; pero sabendo que a igualdade é máxima e calquera rival pode ser difícil", engade.