RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex pide "volver á esencia que nos sacou de abaixo, que é a humildade para defender todos xuntos, estar ben en defensa"

Álex Bergantiños, capitán do Deportivo, compareceu esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

Confesa que foi unha semana "difícil" porque "dúas derrotas doen. Con tan pouco tempo que temos entre partidos é todo moito máis intenso. Hai que asimilalo, poñer todo en perspectiva e ter tranquilidade para afrontar nas mellores condicións o seguinte que temos", este venres 17 de xullo no campo de Anduva de Miranda de Ebro (21:00 horas).

Iso si, advirte que "temos que falar e corrixir moitísimas cousas que pasaron estes 2 últimos partidos; pero tendo a mente fría e sabendo que o venres hai outro. Temos que estar ben preparados para facer un bo partido en Miranda".

Precisamente vaticina ante o CD Mirandés un choque "difícil. É un equipo que ten o seu obxectivo cumprido. Fixo unha temporada de gozar tanto en Liga como en Copa. Está claro que son un equipo moi alegre, que mete moitos goles, que encaixa moitos goles".

Insiste en que en Anduva a clave é "volver ser fiables e conceder pouco ao rival porque é un equipo que ofensivamente ten pouco potencial e no seu campo é moi forte. Así que un partido súper difícil pero é o que temos por diante. Estamos a ver nesta categoría calquera partido pódeo gañar calquera. Temos que ir con toda a nosa confianza para conseguir gañar alí".

O mediocentro ou central coruñés recoñece que "cando perdes, a confianza diminúe; pero hai que tentar poñer todo en perspectiva e pensar que o fútbol só é presente. Este ano fomos capaces de estar 18 partidos sen gañar. Fomos capaces de ver a salvación a piques de collela e agora outra vez estamos na lea metidos. Hai que ter perspectiva, tranquilidade e ver o presente. E o noso presente é matizar todo o que fixemos mal nestes 2 últimos partidos, reencontrarnos e facer nosa mellor versión en Miranda. É o que importa agora. Ao final haberá tempo de facer valoracións do que foi esta temporada, dos erros que houbo e do porqué pasamos este ano así".

Do mesmo xeito que Fernando Vázquez, Álex Bergantiños subliña que onte "todos os xogadores saímos avergoñados do noso rendemento. Ningún estivemos ao nivel que temos que estar. Está a podernos a ansiedade de querer pechar este ano xa. Estamos a perder a esencia que nos fixo saír da situación na que estivemos. Estamos a conceder demasiadas opcións, demasiados contraataques. Están a facernos demasiados goles de contraataques, co equipo moi aberto. Ao final o que nos sacou da situación da primeira volta foi o defender ben. A partir de defender ben o equipo ha ir crecendo, tivo momentos de bo xogo pero se non somos sólidos ao final por querer ir buscar demasiado rápido os partidos, acabamos concedendo. E é o que nos está pasando".

Por iso repite unha e outra vez que o Dépor "ten que volver á esencia que nos sacou de abaixo, que é a humildade de defender todos xuntos, de estar ben en defensa para a partir de aí crecer. E non conceder goles porque nesta categoría calquera equipo, coa igualdade que hai, pódeche facer goles e gañar partidos como foi onte".

Conta que onte Fernando Vázquez, tralo partido, "máis aló de demostrar a súa decepción ou a súa vergoña como comentou, o primeiro que fixo ao entrar no vestiario foi darnos ánimos e tentar que pensemos no venres. Temos que analizar e ver o que se fixo mal pero véxoo a el con enerxía e estou convencido que nos vai a transmitir toda a enerxía do mundo de aquí ao venres para poder sacar isto adiante".

Sobre as contas, que "agora de pouco valen", prefire non falar: "Pensamos en gañar en Miranda, que nos daría depender de nós para a última xornada. Viuse nesta categoría, e esta xornada é o mellor exemplo, que os equipos descendidos gañaron, os 3 primeiros perderon. Estamos nunha competición súper igualada, calquera cousa pode pasar, calquera equipo pode enganchar 2 vitorias ao final ou 2 derrotas. Nós a pensar no noso, coa mínima vantaxe de que dependemos de nós pero sabendo que todos os rivais son difíciles e imos ter 2 partidos durísimos nos que temos que sacar nosa mellor versión para sumar o máximo posible".

Agora, na recta final e con só dous partidos por diante, o '4' branquiazul sostén que "o máis importante é o mental. Despois da pandemia sabiamos que os equipos que fosen máis fortes mentalmente, nesta competición exprés cada 3 días, e que superen mellor os malos momentos pois eran os que ían sacalo adiante. Temos que poñernos a proba agora. Vimos de 2 derrotas seguidas en 3 días que doen moito. Hai que ser fortes mentalmente e limpar a mente para afrontar o que vén".