RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Andone: "Somos nós os que non demos a talla"

Florin Andone dirixiuse esta mañá na sala de prensa de Abegondo aos afeccionados deportivistas: "Moitas semanas dixen que confíen en nós, que estean ao noso lado. A afección é exemplar. Todas as fins de semana o campo está case cheo. A xente apoiando, sempre moi motivada. Somos nós os que non demos a talla. Non estamos á altura da afección. Temos que traballar ben estes dez días para, polo menos, seguir en Primeira. O máis importante agora mesmo é seguir en Primeira División. O único que podo pedir é que estea ao noso lado nestes dous partidos. Somos todos o Deportivo e todos xuntos sacarémolo adiante".

Na súa opinión, "a xente pide vitorias, pide a salvación. Somos o Deportivo, non somos un equipo pequeno. É normal que estea descontenta. Tentaremos conseguir a salvación esta semana para que haxa un pouquiño máis de tranquilidade. E o último partido contra Las Palmas deixar un bo sabor de boca para a afección. Darémolo todo para tentar conseguir canto antes a salvación".

Incide en "estar todos unidos, todos comprometidos no noso traballo destes dez días. E temos que sacalo nós polo noso traballo e polo noso orgullo. Non temos que depender de ninguén. Hai un pouco de nervios porque quedan dous partidos e queremos ter a salvación xa. Pero o Sporting está máis nervioso que nós".

Asegura que no seu caso non hai esgotamento físico: "Gústame xogar, gústame achegar. Loxicamente gustaríame estar co Deportivo pelexando por outra cousa. Pero a min as situacións adversas non me preocupan, motívanme. Gústame que nos esixan, que estean encima de nós, que a xente nos critique, que a xente nos meta tralla, porque iso nos ten que facer reflexionar, facer pensar, sacar o homes que somos, o orgullo que temos dentro para demostrar que si valemos e que si podemos estar un ano máis en Primeira División".

Tras anotar dez goles esta temporada, mostrouse "contento pola parte persoal. Os dous adestradores que tiven confiaron en min, participei bastante, e en canto ao meu número de goles, eu tampouco dei unha cifra. Eu prometín traballo, é o que tentei todas as fins de semana".

Respecto do seu futuro, aínda que si subliña que "a todos os futbolistas gústalles xogar en Primeira División, eu estou moi comprometido co Club. O Club apostou moi forte por min. Asinei cinco anos aquí. Vou cumprir soamente un. Quédanme catro ademais de contrato. A miña intención é seguir aquí. En xaneiro tamén houbo cousas, chamadas, tanteos... En ningún momento quixen escoitar nada. Para min esta é a miña casa e oxalá sexa a miña casa por moitos anos".

Vaticina ante o Villarreal este domingo 14 de maio ás 20:00 horas (Bein Sports) un partido "duro, onde os dous equipos irán ao cento por cento. Que gañe o mellor".