RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANosaHistoria: 70 anos do primeiro subcampionato dun Deportivo campión durante uns minutos

Tal día como hoxe hai 70 anos, o 23 de abril de 1950, o Deportivo alcanzaba o subcampeonato de Primeira División, o maior fito dos seus primeiros 85 anos de existencia, á conclusión dunha última xornada ligueira na que chegou a ser campión durante uns minutos.

O ano do gran desembarco suramericano supuxo toda unha revolución para un equipo que dous anos antes estaba en Segunda e o anterior finalizara na décima posición. Se o curso anterior aterraran os arxentinos Ponce e Rafael Franco, era a quenda dun adestrador dese mesmo país de revolucionarios métodos, Alejandro Scopelli. Ademais, desde Uruguai chegaron o interior Moll (Misiones) e o dianteiro Lujambio (Peñarol). A directiva repatriou a outros dous xogadores da terra, o defensa Waldo Botana (Alcoyano) e o extremo Tino (Racing de Ferrol). No capítulo de baixas hai que destacar o adeus de Chao, que se foi ao Málaga despois de 10 temporadas, 232 partidos oficiais e 75 goles como branquiazul.

A pesar de comezar perdendo en Tarragona (3-2), o Deportivo instalouse pronto nos postos de honra. O motivo, 4 triunfos e 2 empates nas seguintes 6 xornadas. A partir de entón, os deportivistas movéronse sempre nas primeiras posicións, aínda que nunca chegaron a alcanzar o liderado.

Clica aquí para ver fotografías daquela histórica temporada na web ReCorDos 

A historia deu un xiro inesperado na 17ª xornada, á que os branquiazuis chegaban na segunda praza. En Valladolid, o Deportivo empatou (1-1) pero sobre todo perdeu a un dos seus baluartes, o gardameta Juan Acuña. 'Xanetas' lesionou fortuitamente ao dianteiro local Rafa e a pesar diso foi sancionado con 4 partidos de suspensión.

O equipo levantouse do contratempo, gañando en Oviedo (0-2) e ao Valencia (5-1), pero complicouse as súas posibilidades de ser campión no Metropolitano, ante un irresistible Atlético de Madrid (6-1). A 3 puntos da primeira praza e con 4 equipos diante, a misión parecía imposible. Pero tres vitorias consecutivas, ante Málaga (1-0), Celta (2-3) e Espanyol (2-1) deixaron aos branquiazuis, con 31 puntos, en disposición de loitar polo título na última xornada, co Atlético (32) e o Valencia (30), que se enfrontaban en Madrid.

O Dépor foi campión durante 4 minutos, os que mediaron entre o gol que adiantou aos 'chés', obra de Igoa (min. 5), e o empate 'colchoneiro', logrado por Ben Barek (min. 9), pois o Deportivo xa gañaba en Bilbao cun temperán tanto de Rafael Franco (min. 2). Ao final dos 90 minutos, o 4-4 no Metropolitano e o 2-2 en San Mamés concederon o título ao Atlético e o subcampeonato ao Deportivo.

O Deportivo saltou ás 17:00 horas de aquel 23 de abril ao terreo de xogo de San Mamés con Acuña; Waldo Botana, Ponte, Pedrito; Juanete, Guimeráns; Franco, Moll, Ponce, Dieste e Tino. O conxunto branquiazul sumou finalmente 32 puntos, produto de 12 vitorias, 8 empates e 6 derrotas, con 48 goles a favor e 38 en contra, cifra esta última que lle valeu a Juan Acuña o terceiro do seu catro Trofeos Zamora. O desempeño en Riazor foi un dos mellores da historia deportivista, con 9 vitorias e 4 empates en 13 partidos, 30 tantos marcados e só 11 encaixados.

Defenderon a camiseta branquiazul durante aquela campaña ligueira os seguintes xogadores:

Porteiros: Acuña (22 partidos-29 goles encaixados) e Pita (5-9)
Defensas: Cheché Martín (24-2), Ponte (24), Pedrito (23) e García (2)
Centrocampistas: Waldo Botana (26), Guimeráns (25-1), Juanete (12) e Carlitos Calvo (8)
Dianteiros: Moll (26-7), Rafael Franco (25-14), Tino (23-5), Marquínez (19-11), Dieste (14-1), Ponce (7-5) e Lujambio (2)

Waldo Botana e Moll disputaron os 26 partidos ao completo. Aquela só fora a sétima temporada en Primeira División no currículo do Deportivo, que militara 12 na Segunda División. Tamén foi a segunda de nove consecutivas na máxima categoría, a segunda xeira máis longa despois as dúas décadas comprendidas entre 1991 e 2011.