RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANosaHistoria: 80 aniversario do triunfo do Deportivo na última edición do Campionato Galego

Tal día como hoxe hai 80 anos, o 5 de novembro de 1939, o Deportivo inscribía por sexta e última vez o seu nome como campión de Galicia, precisamente na última edición recoñecida oficialmente a día de hoxe, o número 26.

Os branquiazuis impúñanse aquel día ao Racing de Ferrol (0-1) en partido da 9ª e penúltima xornada do Campionato de Galicia de Serie A da Temporada 1939-1940. No campo do Inferniño, un gol de Pintos mediada a segunda metade daba a vitoria necesaria ao equipo coruñés para cantar o alirón a falta dunha xornada por disputar.

O Deportivo formou aquel día con Acuña; Suárez, Pedrito; Cela, Couso, Reboredo; Breijo, Guimeráns, Pintos, Chacho e Chao. Por parte do equipo ferrolán xogaron Paco; Caliche, Portugués; Ferreiro, Silvosa, Basterrechea; Cagigao, Gallart, Barón, Edelmiro e Feal. Impartiu xustiza o colexiado vigués, aínda que nacido en Zamora, David de Anta. Contan as crónicas que "o mal tempo, moi especialmente o vento fortísimo", desluciu o encontro disputado na cidade departamental.

O Deportivo soamente perdera o encontro inaugural, o 24 de setembro de 1939, no campo de Barreiro fronte ao FC Vigués (6-0). A partir de entón, acumulou unha vitoria após outra: 1-0 ao Eiriña, 0-4 ao Coruña, 2-1 ao Racing de Ferrol, 1-5 ao Celta, 2-0 ao Vigués, 1-3 ao Eiriña, e 7-3 ao Coruña.

Na xornada final, unha semana máis tarde de vencer en Ferrol, disputáronse os últimos partidos da historia do campionato rexional galego. O 12 de novembro de 1939, no Parque de Riazor, o Deportivo celebrou a conquista do trofeo con outra sonora vitoria fronte ao Celta (4-0).

Os branquiazuis proclamáronse campións con 18 puntos, por diante do FC Vigués (11), Eiriña (9), Celta (9), Racing de Ferrol (9) e Coruña (4). Deportivo e Celta, este debido ás renuncias de Vigués e Eiriña, lograron a clasificación para disputar a Copa do Xeneralísimo de 1940.

Formaron parte daquela conquista os seguintes xogadores:

Porteiro: Acuña (10 partidos-12 goles encaixados)
Defensas: Pedrito (10), Suárez (8) e Novo (2)
Centrocampistas: Couso (10-1 gol), Cela (10), Reboredo (8-1), Neira (3) e Quintas (1)
Dianteiros: Breijo (10-3), Guimeráns (10-6), Pintos (10-10), Chao (10-5), Chacho (7-3) e Vázquez (1)

O balance histórico das 26 edicións recoñecidas oficialmente do Campionato de Galicia (entre 1913 e 1940, coa excepción de 1915-1916, non disputado, e 1917-1918, anulado) arroxa un empate entre Deportivo e Celta, con 6 títulos cada un. Por detrás figuran Vigo Sporting (5), Fortuna de Vigo e Racing de Ferrol (3), Club Lemos e Unión Sporting Club, de Vigo (1). A edición anulada a ganara o Fortuna.