RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANosaHistoria: A Copa que 100 anos durará faise maior de idade

Tal día como hoxe hai 18 anos, o 6 de marzo de 2002, o Deportivo daba forma a unha das maiores xestas da súa historia e do fútbol mundial, ao conquistar a súa segunda Copa do Rei após vencer ao Real Madrid no seu estadio no día en que o club branco celebraba os seus 100 anos de existencia.

O Real Madrid, elixido Mellor Club do Século XX pola FIFA ano e medio antes, solicitou á Real Federación Española de Fútbol a organización da final no día do seu 100 aniversario, que ademais coincidía coa edición número 100 do torneo do KO. O obxectivo do club branco era recuperar en tan sinalada data un título que se lle resistía desde 1993.

A RFEF accedía á petición madridista, o que provocaba importantes cambios no calendario debido ao condicionante de adiantar máis que nunca a data da final. Os equipos de Segunda B e Terceira tiveron que disputar unha rolda previa a dobre partido en agosto e setembro de 2001. Os treintaidosavos de final, a partido único, tiveron lugar os días 9, 10 e 11 de outubro. O Deportivo, con todo, víase obrigado a xogar esa eliminatoria o 11 de novembro, xa que na data copeira debía xogar ante o Lille o partido de Liga de Campións aprazado o 11 de setembro polos atentados das Torres Xemelgas de Nova York. Os dezaseisavos de final, tamén a un só partido, disputábanse a finais de novembro. Os oitavos de final, xa a dobre encontro, foron antes do parón do Nadal, e os cuartos de final e semifinais copaban os catro mércores do mes de xaneiro de 2002.

O Deportivo plantábase no partido polo título grazas a estes resultados:

1/32 Marino de Luanco 1 - Deportivo 4 (César, Pandiani -2- e Víctor)
1/16 Cultural Leonesa 1 - Deportivo 2 (Tristán -2-)
1/8 Hospitalet - Deportivo (incomparecencia e eliminación do Hospitalet)
1/4 Deportivo 2 (Capdevila e Makaay) - Valladolid 0
1/4 Valladolid 2 - Deportivo 1 (Tristán)
1/2 Figueres 0 - Deportivo 1 (Tristán)
1/2 Deportivo 1 (José Manuel) - Figueres 1

Mentres, o Real Madrid alcanzaba a 'súa' final da seguinte forma:

1/32 Playas de Jandía 0 - Real Madrid 4
1/16 Lanzarote 1 - Real Madrid 3
1/8 Nàstic de Tarragona 1 - Real Madrid 0
1/8 Real Madrid 4 - Nàstic de Tarragona 2
1/4 Real Madrid 4 - Rayo Vallecano 0
1/4 Rayo Vallecano 1 - Real Madrid 0
1/2 Athletic 2 - Real Madrid 1
1/2 Real Madrid 3 - Athletic 0

Se os brancos superaron con certa suficiencia todas as eliminatorias, aínda que se viron obrigados a remontar no Bernabéu despois de caer en Tarragona e Bilbao, os branquiazuis tiveron un camiño repleto de espiñas. En Luanco, o Mariño adiantouse no marcador pero trala expulsión de Luis no minuto 25 as cousas foron máis fáciles para o Dépor. Tamén marcou primeiro o rival, a Cultural Leonesa, na segunda eliminatoria, dando a volta ao marcador un dobrete de Tristán.

A incomparecencia do Hospitalet, obrigado a xogar no Mini Estadi do FC Barcelona pola petición do Deportivo de non xogar na herba artificial do campo do equipo da perifería barcelonesa, concedeu dúas semanas de descanso aos xogadores de Javier Irureta. En cuartos, o Deportivo tivo que irse até a prórroga para eliminar ao Valladolid cun gol de Tristán no Nuevo Zorrilla. En semifinais, o Figueras, equipo de Segunda B, claudicou por un só gol de diferenza: 0-1 en Vilatenim e 1-1 en Riazor.

Pese ao potencial daquel Deportivo, que 22 meses antes conquistaba o título de Liga, as diferenzas entre ambas as entidades eran notables. O Real Madrid tiña entón 17 Copas do Rei nas súas vitrinas, por 1 do Dépor. E o club madridista contaba con 229 millóns de euros de orzamento, por 75 dos branquiazuis.

Ao redor de 25.000 coruñeses (esa foi a cantidade de entradas que a RFEF cedeu a cada Club, quedando outras 18.000 a disposición do ente federativo e 2.000 máis de venda en despachos de billetes) desprazáronse a Madrid aquel mércores para dalo todo polo seu equipo. Na cidade, as mercerías venderon máis de 4 quilómetros de tea branquiazul e 10.000 persoas abarrotaron o Palacio dos Deportes de Riazor para seguir o partido nunha pantalla xigante.

A dimensión do partido quedaba patente con dous datos relativos aos medios de comunicación: acudiron máis de 600 xornalistas acreditados e TVE recibiu solicitudes de máis de 30 televisións estranxeiras para retransmitir o choque en directo.

Aquí podes ver as fotografías daquel partido na web ReCorDos en Branco e Azul

O cadro coruñés presentábase con dúas ausencias de peso. Donato, cunha rotura no sóleo que lle afastou dos terreos varios meses, e Manuel Pablo, que a comezos daquela campaña sufría unha terrible fractura de tibia e peroné no encontro ligueiro fronte ao Celta. Un problema muscular tamén deixaba fóra da convocatoria a José Manuel.

Nas filas do Real Madrid, que levaba 7 anos sen perder un choque de Copa no seu estadio, Vicente del Bosque contaba con toda a sú constelación de estrelas, incluído Figo, recentemente saído dunha lesión. O técnico branco daba continuidade a César, o seu porteiro na Copa, en detrimento de Iker Casillas, cousa que non fixo Irureta con Nuno, gardameta habitual no torneo do KO, pois deu a titularidade a Molina.

O Deportivo exerceu de 'grande' de principio a fin. Desde o asubío inicial saíu a marcar territorio, a golpear primeiro. César xa tivo que intervir no segundo minuto de xogo para enviar a córner con apuros un remate de Tristán. Só 4 despois, Sergio recortaba a Hierro en tres cuartos de campo após unha triangulación con Tristán, antes de iniciar unha veloz carreira cara á portería madridista e, cun sutil toque que levou o balón entre as pernas do gardameta local, facer o 0-1.

O gol aumentou a tensión e no minuto 10 un choque de trens entre Raúl, Scaloni e Mauro Silva dexenerou nunha liorta. O brasileiro foi amoestado pero a súa actitude e a dos seus compañeiros deixou outra vez claras as súas intencións e as de todo o equipo branquiazul. Esa mesma falta colgouna Figo e Zidane estrelou a súa cabezada no traveseiro. O francés tamén fixo lucirse a Molina nun remate de socato minutos despois.

Sergio e Valerón tiveron a opción de abrir brecha ao redor da media hora de xogo. Finalmente fíxoo Tristán, no minuto 37, despois dunha marabillosa acción de Valerón, que primeiro se asociou con Víctor e acabou poñendo un pase da morte ao '9' deportivista.

Con 0-2 no marcador, os branquiazuis tiveron groggy ao cadro madridista, sobre todo ao comezo do segundo período. Valerón tivo o 0-3 nas súas botas pero despois de desfacerse de Míchel Salgado estrelou o coiro no pau. Unha das leis do fútbol di que o que perdoa págao. E o Dépor pagouno, aínda que a medias. Raúl recortou distancias con máis de media hora por diante. Con todo, os branquiazuis mantiveron a intensidade, o carácter e a compostura para apenas conceder ao equipo branco algunha opción de levar a final á prórroga.

Fran recibiu o trofeo de mans do Rei Juan Carlos, nun palco abarrotado de autoridades, incluído o presidente da FIFA, Joseph Blatter. Entre todas elas sobresaía unha figura, cun sorriso de orella a orella, a do expresidente do Goberno Adolfo Suárez, xogador da canteira deportivista nos seus anos mozos.

Un recordo imperecedoiro, un partido para a posteridade, que quedaron resumidos á perfección polo home do partido. "Démolo todo. Loitamos de principio a fin e creo que merecemos a vitoria", sentenciou un Mauro Silva axigantado a cada minuto que pasaba na defensa do marcador favorable.

Esta é a ficha técnica do partido:

Real Madrid: César, Míchel Salgado, Hierro, Pavón (Solari, min. 46), Roberto Carlos, Makélélé, Iván Helguera, Figo (McManaman, min. 82), Raúl, Zidane e Morientes (Guti, min. 67).

Deportivo: Molina, Scaloni, César, Naybet, Romero, Sergio, Mauro Silva, Víctor (Djalminha, min. 87). Valerón (Duscher, min. 62), Fran (Capdevila, min. 84) e Tristán.

Goles: 0-1 Sergio (min. 6); 0-2 Tristán (min. 38); 1-2 Raúl (min. 58).

Árbitro: Mejuto González (c. asturiano). Cartóns amarelos a Mauro Silva (min. 10), Hierro (min. 25), Víctor (min. 31), Solari (min. 65), Fran (min. 70), Iván Helguera (min. 81) e Molina (min. 90).

Incidencias: final da 100ª edición do Campionato de España Copa da súa Maxestade o Rei, disputada no Estadio Santiago Bernabéu ante uns 75.000 espectadores.