RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANosaHistoria: Hai 25 anos que #ANOSACANTEIRA debutaba no Nacional Alevín

Tal día como hoxe fai un cuarto de século, o 27 de maio de 1994, o RC Deportivo debutaba no Campionato Nacional Alevín de fútbol 7, o popularmente coñecido como Torneo de Brunete, disputando á súa vez o terceiro partido da historia dunha competición que descubriu a infinidade de talentos ao longo dos anos.

Despois de disputarse por comunidades autónomas nos anos 1992 e 1993, o torneo transfórmase en 1994 no Campionato Nacional Interclubes de Fútbol 7 Categoría Alevín. A colaboración entre a Fundación del Fútbol Profesional, a Dirección Xeral de Deportes da Comunidade de Madrid, o concello da localidade madrileña de Brunete, a Federación de Fútbol de Madrid e Canal+ dá como froito un torneo no que compiten os equipos de menores de 12 anos dos 20 clubs de Primeira División, formato que se mantivo até hoxe.

Naquel momento, o Deportivo non ten máis categorías inferiores que o Fabril e dous equipos xuvenís. Froito do convenio en vigor cos clubs modestos fórmase unha selección da cidade para que defenda as cores branquiazuis en Brunete.

Baixo a dirección de Nacho Suárez Brañas e Tito Ramallo, o equipo branquiazul presenta aos seguintes 12 xogadores: Adrián Rodríguez Orrego, David García Anta e Ramón Olivares (Calasanz), Pochi e Gabi Pizarro (Victoria), Nano Macedo e Santi Vázquez (Ural), Noni (Galicia Gaiteira), Óscar Vales (Santa María del Mar), Roberto Vázquez (Imperátor), Iago Losada (Olímpico de Rutis) e Diego Pumares (Vioño).

Podes ver a foto de aquel equipo na web ReCorDos

Ás 10:20 horas do 27 de maio de 1994, no Estadio Municipal de Los Arcos, arranca o primeiro partido, fronte ao CD Logroñés. Os deportivistas levan a vitoria pola mínima, mercé a un gol de Adrián. Ao longo dese mesmo día, o equipo branquiazul completa a súa participación na fase de grupos, caendo ante o Real Valladolid (0-1) e sumando senllos empates ante o Rayo Vallecano (0-0) e o FC Barcelona (1-1, tanto de Gabi).

Os 4 puntos non son suficientes para pasar rolda e deste xeito péchase a primeira participación coruñesa.

Desde entón, o Deportivo participou no torneo en 23 ocasións. Non o fixo en 2012 e 2014, ao militar o primeiro equipo en Segunda División.

A mellor actuación produciuse xustamente na máis recente participación. En 2018, no torneo disputado na Cidade Deportiva do Villarreal CF, o Dépor, dirixido por Roberto Veres, alcanzou as semifinais, nas que o FC Barcelona superouno na quenda de penaltis. Até entón, o mellor resultado produciuse en 2011. No torneo disputado no Estadio Ramón de Carranza de Cádiz, o equipo dirixido por Fran Varela e no que xogaban Chumi, Manu Mosquera ou Yago Gandoy quedou nos cuartos de final, eliminado polo Mallorca.