RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANosaHistoria: Hai 30 anos que o Dépor xogaba a súa primeira semifinal de Copa

Tal día como hoxe hai 30 anos, o 6 de xuño de 1989, o Deportivo disputaba por primeira vez na súa historia un partido de semifinais da Copa de España. Riazor acollía o encontro de ida da penúltima rolda do torneo do KO, na que os branquiazuis quedaran emparellados co Real Valladolid.

O Deportivo cumpriu naquela Copa do Rei da Temporada 1988-1989 una das máis belas epopeas dos seus case 113 anos de vida.

É a campaña posterior ao gol de Vicente no último minuto da última xornada ante o Racing de Santander, que evita o descenso a Segunda B e a máis que posible desaparición do Club.

Aquela temporada comeza coa aterraxe dunha nova directiva, comandada por Augusto César Lendoiro. E coas fichaxes xustas para afrontar con dignidade a Segunda División: o dianteiro brasileiro Raudnei chega cedido polo FC Porto para suplir a Traba, retirado. E o uruguaio Víctor de los Santos aterra desde o Inter de Limeira en outubro, para cubrir o burato deixado primeiro polo arxentino Víctor Hugo Bordón –que rompe o seu contrato en agosto sen ter sequera debutado– e polo portugués Alberto Bastos Lopes, que xoga a proba o partido de presentación do equipo ante o Sporting de Gijón (0-0) pero non firma.

Con anterioridade collen a porta Arzubialde, Silvi e Castreje, ademais de Ruiz e Blesa, que xogan o curso anterior a préstamo polo Zaragoza. Do Fabril incorpóranse dous porteiros, Julio Ares e Docobo, e un defensa, Antonio Doncel.

En agosto arranca xa a odisea copeira branquiazul. O día 30, os deportivistas visitan o campo de Espiñedo (Carballiño) para medirse ao Arenteiro, que se impón por 2-1. Riazor dita sentenza na volta: 4-0, coa eliminatoria xa remontada no minuto 30 mercé aos goles de Hidalgo (min. 6) e Vicente (min. 30).

A segunda eliminatoria depara un novo duelo galego, fronte ao Endesa As Pontes. No campo do Poboado, o resultado é de 1-1. Na volta, un dobrete de Raudnei na segunda parte dá a clasificación para a terceira rolda aos pupilos de Arsenio Iglesias.

O filial da Real Sociedad é o seguinte rival. Atocha acolle un encontro de ida no que parece que se acaba o camiño copeiro do equipo coruñés. Corre o minuto 88 de encontro e o Sanse gaña por 3-0. Nas postrimerías do choque, Hidalgo marca o 3-1, que fai concibir esperanzas para o choque de volta.

En Riazor, o 8 de decembro de 1988 vívese un dos encontros máis tolos da historia moderna do Club. Portela marca en propia porta (0-1, min. 22) o tanto que supón o 1-4 no global da eliminatoria. Ramón, de penalti, empata pronto (1-1, min. 25) e Raudnei (2-1, min. 29) deixa a prórroga a un só gol cunha hora por diante. Hidalgo equilibra o global (3-1, min. 56) pero Igoa volve poñer en vantaxe aos donostiarras (3-2, min. 61). Raudnei eríxese de novo no heroe (4-2, min. 90+1) que conduce o encontro á prórroga, pois non se aplica a norma do valor dos goles en campo contrario.

A media hora suplementaria non é máis que a amplificación da tolemia. De novo o Sanse ponse en vantaxe, por medio de Echarri, ao fío do descanso (4-3, min. 104). Co Deportivo envorcado, Ramón novamente equilibra o resultado global (5-3, min. 116) e, cando parece que o pase se decidirá na quenda de penaltis, Gil (6-3, min. 120) mete ao Dépor nos dezaseisavos de final.

Nesa eliminatoria chega o primeiro rival da mesma categoría, o Sabadell. Nesta ocasión, o encontro de ida dispútase na Coruña. Unha estupenda primeira metade, con goles de Gil, Izquierdo en propia meta e Raudnei, pon as cousas moi favorables aos intereses coruñeses. Mesmo co 3-1 definitivo que asina Fradera na segunda parte.

Na Nova Creu Alta, Fradera (min. 6) achega aos vallesanos á remontada. Pero malia os esforzos ímprobos do equipo arlequinado o marcador non volve moverse. O Deportivo cóase nos oitavos de final.

O sorteo depara un enfrontamento fronte a un dos grandes equipos da época, a Real Sociedad. O equipo 'txuri-urdin', da man de John Toshack, vén de gañar a Copa do Rei en 1987 e de ser subcampión Primeira División en 1988. No duelo de ida, Riazor non ve goles.

No partido de volta, no regreso a Atocha só 3 meses despois de visitar ao filial, o Deportivo é capaz de adiantarse no marcador, por medio de Hidalgo (min. 71). O tanto esperta á Real, que empata pronto cun gol de Zamora (min. 75). Con todo, os branquiazuis resisten o asedio e son capaces de levar o partido aos penaltis. No Deportivo debuta un defensa que marcará unha época, o uruguaio Martín Lasarte, que ocupa a praza de estranxeiro deixada libre polo inglés Donowa, que en xaneiro abandona a disciplina coruñesa para fichar polo Willem II holandés.

A quenda arranca con gol de Goikoetxea, ao que responde o especialista branquiazul, Ramón, igualando o resultado. Entón, aparece Jorge. O porteiro desvía o lanzamento de Zamora e, acto seguido, Agulló pon o 1-2. Mújica, futuro deportivista, lanza fóra. Gil bate a Arconada para o 1-3 e Jorge finiquita a eliminatoria detendo o tiro de Uría. O Deportivo consuma a xesta e plántase nos cuartos de final, rolda que alcanzara poucos anos antes, en 1982 e en 1984.

O Mallorca, rival en Segunda após descender ao final do curso anterior, é o adversario. Un adversario que ademais, xusto 3 días antes do encontro de ida, imponse Riazor en partido de Liga (0-1). Con todo, o desquite deportivista non se fai esperar e os baleares vólvense ás illas cun 4-1, fraguado na expulsión de Rivas (min. 30) e nun postremeiro minuto máxico coruñés, con goles de Aspiazu (min. 87) e o porteiro visitante Ezaki en propia meta (min. 88).

O Deportivo defendese con acerto no Luis Sitjar. Só Rivas, ao cabecear un córner (min. 63) é capaz de bater a Jorge. O 1-0 resulta insuficiente para o Mallorca. O Deportivo, grazas ao global de 4-2, cóase por primeira vez na súa historia, o 12 de abril de 1989, nunhas semifinais da Copa do Rei.

O duelo do que hoxe se cumpren 30 anos non encheu Riazor, pero uns 20.000 espectadores constituiron a mellor entrada desde o ascenso frustrado ante o Rayo Vallecano en 1983. Ademais, puideron presenciar un triunfo histórico fronte ao Valladolid (1-0), grazas a un tanto de Raudnei no tramo final dun brillante primeiro tempo deportivista.

En "Recordos en Branco e Azul" podes ver un álbum de fotos daquel partido

Forma o Deportivo con Jorge; Cayetano, Antonio, Martín Lasarte, Ramón; José Ramón (Fontana, min. 80), Aspiazu; Gil, Fran, Agulló; e Raudnei. O Valladolid, dirixido por Vicente Cantatore, faino con Ravnić; Patri, Moreno, Gonzalo, Albesa, Lemos; Miljuš (Damián, min. 83), Minguela, Albis (Fonseca, min. 76); Janković e Alberto. Arbitra o madrileño Soriano Aladrén, auxiliado nas bandas por García-Aranda Encinar e García Mochales.

Dado o xogo despregado por uns e outros, o resultado é curto. E ao cabo, tamén resulta curto para estar na gran final e, polo tanto, na Recopa de Europa, posto que o outro finalista, o Real Madrid, xa é campión de Liga e ten praza na Copa de Europa. Unha semana despois, se esfumó o soño nun partido de volta no Novo José Zorrilla marcado polas decisións arbitrais –de novo con Soriano Aladrén ao mando do equipo arbitral– e decidido na prórroga.

A pesar de todo, o Deportivo asinou naquela Temporada 1988-1989 unha actuación histórica, que lle converte nun dos 26 equipos que alcanzou a penúltima rolda da Copa de España sen militar na máxima categoría do fútbol español. A lista completa confórmana Deportivo Logroño (de 3ª) e Betis (1931), Celta (1932), Sabadell, Levante e Osasuna (1935), Racing de Ferrol, Barakaldo e Alavés (1939), Real Sociedad (1941), Valladolid (1942), Murcia (1944), Gimnàstic de Tarragona (1947), Real Sociedad (1965), Celta (1968), Valladolid (1979), RM Castilla (1981), Rayo Vallecano (1982), Las Palmas (1984), Deportivo (1989), Betis (1994), Las Palmas (1997), Alavés (1998), Atlético de Madrid (2001), Figueres (de 2ª B, en 2002) e Mirandés (de 2ª B, en 2012). Mesmo 3 deles, Sabadell, Racing de Ferrol e Castilla, alcanzaron a final.