RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Anquela: "Cometemos erros gravísimos, erros importantes; e nesta categoría páganse"

Juan Antonio Anquela manifestou na sala de prensa de El Alcoraz que "a imaxe non é a que queremos. Cometemos erros gravísimos, erros importantes; e nesta categoría páganse. E máis ante un rival como o Huesca que hoxe xogou moi ben ao fútbol, porque nós non estivemos ao nivel que podemos dar".

O técnico deportivista insistiu en que "ti concedes goles porque os goles foron 3 perdas nosas en balóns relativamente cómodos e fáciles. E non hai que darlle máis voltas ao tema. O rival ponse por diante e un rival da categoría e da calidade que ten o Huesca... xogou ás súas anchas. Quixemos reaccionar na segunda parte e non puidemos. Estivemos pelexando até o final pero en liñas xerais estamos moi lonxe do que hai. Temos un problema grave, que é que recibimos moitos goles. Ata que non se arranxe iso, en Segunda División non vas polo camiño adecuado".

Non quere sinalar culpables porque "culpables somos todos. O primeiro son eu. Non se pode dicir a defensa. Un equipo é desde arriba e defensivamente hoxe estivemos moi mal. Tentamos apertar, nalgunha fase fixémolo ben pero en liñas xerais necesitamos moito máis para poder competir nesta categoría".

Cre que o resultado final é "mérito do Huesca pero con concesións impropias dun equipo que se supón da categoría do Dépor. Os 3 goles foron perdas nosas en balóns relativamente fáciles. E o primeiro o partido estaba en terreo de ninguén. O segundo non nos deu tempo a sacar de centro e o terceiro, cando un equipo sae con ganas de reaccionar e atópaste co terceiro..."

Queda cunha fase do encontro no que "o equipo tirou de orgullo e tentamos ir cara arriba. Pero ese momento durou pouco. E iso é malo para nós".

Admite Anquela que nos duelos o Dépor foi inferior: "Cando un equipo non gaña os balóns divididos e as segundas xogadas, e nós non o fixemos na primeira parte, nesta categoría é impensable que poidas gañar o partido. Témonolo que facer mirar".

Preguntado polos días que restan para o peche do mercado de verán, o adestrador branquiazul reflexiona e comenta que "agora mesmo todo vese escuro. Estamos quentes agora mesmo, tristes, e non estamos todo o ben que hai que estar para pensar e facer as cousas. Hai que serenarse, ver que está a pasar e logo ir polo camiño que nos conveña a todos".