RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Anquela: "Cos que estamos e cos rapaces do filial, estamos capacitados para competir"

Juan Antonio Anquela admitiu na sala de prensa de Abegondo que "defensivamente estamos a pasar problemas e que temos que mellorar moito con respecto ao último partido. Non nos queda outra".

Vaticina este domingo 1 de setembro en Vallecas ante o Rayo Vallecano (18:00 horas, #Vamos) "algún cambio" no once inicial do Dépor respecto ao do pasado domingo en Huesca. Iso si, non cre que haxa modificación do sistema: "Igual haberá algún cambio de nome. Nada máis".

Subliñou que non lle gustou a imaxe que ofreceu o Dépor en El Alcoraz: "Hai unha cousa que non se negocia, que é a actitude e o saber competir en Segunda División. O domingo pasado deixamos de facer cousas que fixemos noutros partidos. Non tivemos o acerto e a actitude necesaria".

Do Rayo, destaca o técnico deportivista que "xoga moi ben ao fútbol, propón desde o inicio". Ademais, advirte sobre as dimensións do terreo de xogo de Vallecas que "se hai alguén a quen lle prexudica un campo estreito creo que é ao Rayo, porque é un equipo que o quere facer grande e propono desde o minuto cero".

Lembra que o conxunto madrileño empatou os dous primeiros encontros de LaLiga SmartBank, pero "estivo moi preto de gañar os dous partidos. Isto é complicado. Non é fácil porque a categoría require moita concentración e facer as cousas moi ben se se quere sacar algo".

Preguntado por Christian Santos, Anquela queda coa súa "efectividade. Xogou 60 minutos e marcou 2 goles. Iso é moi importante e pode ter a súa opción, se non é de inicio, durante o partido case con toda seguridade".

Do mercado, o adestrador branquiazul recalca que "nun sitio en concreto estamos con bastante xente lesionada. Non me vou a queixar. Non vou poñer ningunha escusa. Isto é o que hai. Eu vou ir a matar cos meus rapaces e se os meus rapaces queren ir para adiante, aquí estamos. O demais son escusas. Uns se han ir, outros virán. E se non poden vir, cos que estamos e cos rapaces do filial, estamos capacitados para competir, que é o único que se ten que pedir, competir. Daquela o fútbol poñerá a cada un no seu sitio".

Apunta que "hai que buscar xente onde menos teñamos. Hai que traer un banda pero hai outros sitios onde agora mesmo nos urxe máis". "Sabiamos que necesitabamos un central ou un pivote pero agora témolo moito máis claro. Necesítase un central", engade posteriormente.