RCD / NOVAS

Anquela: "É un partido no que temos que estar todos xuntos e todos a unha"

05/10/2019 15:15

Juan Antonio Anquela manifestou na sala de prensa de Abegondo que mañá ante a UD Almería en ABANCA-RIAZOR (18:30 horas, Gol), toca "levantar a autoestima de moita xente. E farémolo".

O técnico deportivista, preguntado por Lampropoulos, que pediu perdón na zona mixta de Montilivi, advirte que "aquí perdón o temos que pedir todos. Son accións do xogo. Unhas veces equivocámonos uns, outras veces outros. Somos un equipo e temos que facer as cousas como tal".

Do posible once para mañá, Anquela asegura que "imos seguir como estamos, facendo as cousas nas que cremos e as que traballamos todos os días".

Da UD Almería, destaca que "é un bo equipo que estivo aí arriba desde que se iniciou a temporada. Colleu o refacho que adoitan ter todos os equipos nesta categoría, unhas veces ao principio, outras no medio. Agora leva dous partidos xogando ben e non conseguindo resultados; e iso convértelle nun rival aínda máis complicado".

Preguntado polo ambiente de mañá en ABANCA-RIAZOR, o adestrador branquiazul apunta que "non estou en condicións de pedir nada á afección. A afección é soberana, sabe o que ten que facer e sabe que sen eles non imos a ningún lado. Se un equipo ten problemas, como nós, as dúbidas desde fóra non son boas. Levan toda a razón do mundo e nós o que temos que facer é enganchalos. Eu só espero que saiban que o Deportivo se está xogando 3 puntos moi importantes. É un partido no que temos que estar todos xuntos e todos a unha".

Admite que "xa non hai marxe de erro" e asegura que non recibiu ningunha comunicación do Club, "aínda que as palabras sobran, son os feitos. E os feitos están aí. Temos problemas e os problemas sempre se solucionan do mesmo lado. Nada máis".

Nesta liña, subliña que "ninguén do Club díxome que se non se gaña... Iso dicídelo vós. E creo que estades no certo".

Máis novas de: ANQUELA