RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Anquela: "Para calquera adestrador é unha ilusión tremenda e un luxo adestrar neste Club"

Juan Antonio Albacete Anquela (Linares, Xaén, 11 de setembro de 1957) foi presentado esta tarde como novo adestrador do RC Deportivo para a Temporada 2019-20.

O Presidente Paco Zas deu en primeiro lugar a benvida ao técnico andaluz e indicou que cumpre "as características que lle pedimos a Carmelo (del Pozo, Director Deportivo): un adestrador con gran experiencia, con coñecemento da categoría total, que transmite carácter e intensidade e un adestrador que non teña medo a traballar coa canteira". "Esperemos que sexa un punto de partido ilusionante para todo o deportivismo. A súa sorte vai ser a de todos os que conformamos o deportivismo", concluíu o máximo dirixente branquiazul.

A continuación, Juan Antonio Anquela púxose a disposición dos medios de comunicación.

En primeiro lugar, confesa que afronta a chegada ao Dépor "cunha ilusión tremenda. Vin aquí por un proxecto deportivo que me atrae profundamente. Para calquera adestrador é unha ilusión tremenda e un luxo adestrar a este club. Veño con estas ganas e con esta forza para tentar desde o minuto cero que o Dépor estea onde se merece. E onde se merece non fai falta nin dicilo, sábeo todo o mundo".

Asegurou que despois da decepción de Mallorca do pasado mes de xuño, "o Dépor vai saír adiante. Hai unha base sólida. É un equipo que estivo loitando até o último segundo por subir a Primeira División. Estou convencido que o ano que vén ímolo a conseguir. ¿Como? Xa sabedes todos como é a Segunda División e como hai que facelo. E nós ímolo a pór en práctica desde o minuto cero. Se temos a sorte necesaria, creo que podemos volver ver ao deportivismo ilusionado. Vin os dous partidos da liguiña, como estaba este estadio e este estadio merécese estar así sempre. Iso hai que conseguilo e creo que o imos a conseguir. O primeiro obxectivo é volver ilusionar a esta xente que no último partido a desilusión foi grande".

Preguntado canto tempo levoulle decidirse a dar o si ao Deportivo, Anquela foi rotundo: "¿En decidirme eu? Cando Carmelo me chamou estaba decidido. Estamos a falar do Deportivo. Aquí non podemos pór panos quentes. Eu vin por un proxecto deportivo. Nada máis. Cando me dixeron Deportivo, todo apartouse. No tema contractual tiñámolo todo atado desde o primeiro momento".

Indicou que lle gustaría "manter a base que hai aquí. E esperemos que se poida. E se non, xente implicada, xente que queira dar ao Deportivo o que a súa afección pide. E a súa afección pide unha cousa moi simple, que o Deportivo ten que ser un equipo gañador. Temos que saír a tentar gañar. Pero xa sabedes o que é a Segunda División, complicada onde a haxa. Temos que adaptarnos canto antes ao que hai. O Dépor sempre será o rival a bater, e iso témolo moi claro".

Recalcou que non ten asinado un segundo ano en caso de ascenso: "Témolo moi claro, isto hai que gañalo. Téñoo moi claro no fútbol. O contrato hai que gañalo ano a ano. En todos os equipos nos que estiven non asinei un segundo. Asinei nun e non valeu para nada. Aquí hai que gañalo. Gústanme os retos. É o que máis me gusta e o que máis me atrae. O que teño que facer é traballar como fixemos sempre e a ver se temos a fortuna necesaria e estamos ao nivel que require este equipo".

Non ten previsto solicitar á Dirección Deportiva ningún xogador específico, aínda que advirte que "primeiro hai que saber que o Dépor necesita cousas urxentes. Cando esas urxencias se cubran, xa pensaremos. Seguro que o Dépor vai facer un cadro competitivo e un equipo que vai dar moita guerra porque non podemos permitirnos outra cousa".

Lembra que o actual equipo, "este ano estivo aí todo o ano. E faltoulle un tris para estar en Primeira División. O equipo non é sospeitoso. É un cadro máis que preparado para conseguir o que verdadeiramente se quere, cun ano máis e coa experiencia de saber o que é esta categoría. Cada partido é unha batalla que hai que librar como corresponda. Nós queremos un equipo que vaia desde o inicio a por o partido, que vaia a gañar e logo o fútbol xa sabes como é. Nunca 2 e 2 son 4, ou case nunca".

Nesta liña, subliña que "me gustaría chamar a moitos futbolistas para que queden. Isto é moi bonito e o que se queira ir vaino a perder. Pero hai outras cousas. No fútbol hai que cadrar contas e outras cousas. Á miña esquerda teño a Carmelo que o vai a arranxar, e seguro que ben".

Apunta que "agora mesmo temos a 21 xogadores. Hai xente suficiente. Empezamos o día 15 pola mañá. Empezaremos a traballar e miraremos cara a adiante cunha ilusión posta no que queremos, que non é outra cousa que formar un bo equipo que compita e que sexa capaz de estar arriba desde o primeiro partido".

Sostén que o diñeiro en Segunda División "inflúe, pero eu tiven a sorte de xogar liguiñas de ascenso con equipos que de ningunha maneira ninguén pensaba que ía conseguir eses retos. O diñeiro é importante pero non é unha cousa definitiva. O único que hai que facer é un equipo de fútbol, e un equipo de fútbol empeza na sala de prensa todos xuntos, onde traballemos todos xuntos, na sede todos xuntos. Iso é un equipo de fútbol e iso é o que hai que tentar conseguir. Todos xuntos podemos formar un equipo poderoso".

A pretemporada, para Anquela, está deseñada de maneira "moi fácil. Aquí vivimos preto do paraíso. ¿Onde vas ir aquí? En Abegondo mañá, tarde; e non hai máis. A adestrar e a gozar do que tanto traballo custou facer. O que hai alí non é fácil telo. É unha Cidade Deportiva de Primeira División. Hai que gozala, sacarlle o máximo rendemento. ¿Para que vas ir a ningún sitio se aquí tes o mellor?"