RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ao Dépor escápanselle dous puntos sobre a hora (1-1)

- Galería fotos Dépor-Nàstic -

O Deportivo deixou escapar unha oportunidade de ouro para volver gañar en ABANCA-RIAZOR tralo empate co CD Tenerife, ao sumar unha nova igualada, esta vez ante o Gimnàstic de Tarragona, nun partido no que os branquiazuis se adiantaron no marcador e perdoaron varias ocasións claras para aumentar a súa vantaxe.

Natxo González, preparador deportivista, cambiou a tres futbolistas con respecto ao equipo que presentou de saída a pasada fin de semana na visita ao Granada CF. Dous cambios producíronse en defensa, onde abandonaron o seu posto o sancionado Domingos Duarte e Diego Caballo, para deixar o seu sitio a Somma e Saúl. A terceira modificación produciuse en mediocampo, onde Didier Moreno ocupou a posición do lesionado Pedro Mosquera.

Non puxo a proba o Dépor a Bernabé até o minuto 19, nun duro disparo desde o bordo da área que o gardameta visitante atallou en dous tempos. Até entón viuse un Dépor dominador pero con pouca profundidade ante un Nàstic replegado, que en ningún momento elevou a súa presión para apertar aos centrais branquiazuis.

Un minuto despois dispuxo da primeira ocasión clara Fede Cartabia. Centrou Saúl desde a esquerda, Mikel Villanueva fallou no seu rexeite e o coiro chegou ao extremo dereito. O arxentino tivo tempo para acomodarse a pelota para a súa perna boa, pero o seu lanzamento foise ás nubes.

E no minuto 22, Quique gozou dunha oportunidade aínda máis clara. Un despexe de Salva converteuse nunha asistencia para o pichichi deportivista. Completamente só ao bordo da área pequena, o dianteiro rematou como puido co pé dereito, pero non acertou a dirixir o balón entre o tres paus.

Tralos mellores minutos do Dépor, estirouse o Nàstic, que tivo unha boa opción nun contragolpe conducido por Pipa que cortou, xa ás portas da área pequena, Saúl. O reloxo marcaba a media hora de xogo. Javi Márquez, no minuto 38, efectuou o primeiro disparo a porta do cadro tarraconense. Dani Giménez detívoo sen problemas.

Co empate sen goles chegouse ao descanso. O paso por vestiarios sentou fenomenal ao Dépor, que aos 4 minutos da continuación adiantouse no marcador. David Simón recortou cara a dentro no extremo dereito, para meter un fenomenal pase á área para a chegada de Edu Expósito. O centrocampista freou en seco, virou sobre si mesmo e buscou o pau máis afastado co interior da súa bota esquerda. Aínda que Bernabé chegou a rozar a pelota, esta aloxouse no fondo das mallas após golpear no interior do pau dereito do portal visitante.

Nos seguintes minutos, o Deportivo gozou de dúas boas opcións para sentenciar o encontro. No minuto 52, Quique encarou e superou a Noguera. O dianteiro plantouse ante o gardameta do Nàstic, ao que tratou de bater cun duro disparo raso no man a man. Bernabé foi capaz de rexeitar o esférico coa súa bota esquerda.

E no minuto 53, de novo Bernabé salvou ao seu equipo nun alarde de reflexos. Fede Cartabia rematou de socato un fantástico servizo de Borja Valle desde a esquerda. O rexeite do porteiro quedou botando, un pouco escorado ante a portería, pero demasiado amodo e alto. Quique tratou de dirixir a pelota e darlle forza, pero o balón foise por riba do traveseiro.

O Nàstic moveu o banco en busca de frescura. Kanté foi o primeiro cambio e, nada máis saír ao céspede, soltou un canonazo que puxo o corazón nun puño á parroquia herculina. Pero Dani Giménez estivo tan veloz e seguro que quedou coa pelota nas súas mans.

Recentemente superada a hora de xogo produciuse o debut oficial co Deportivo do fabrilista Jonny Montiel, que substituíu a Fede Cartabia.

A un cuarto de hora do final do partido, Christian Santos foi obxecto dun claro penalti por agarrón cando esperaba o centro de David Simón, lanzado en profundidade polo extremo dereito por Montiel. O colexiado non castigou a acción.

No minuto 83 tampouco puido sentenciar Christian Santos, á conclusión dun brillante contragolpe conducido por Montiel. O fabrilista conectou con Diego Caballo, que serviu cara á chegada desde atrás de Christian Santos. O venezolano disparou con dureza pero un defensa visitante, lanzándonse á desesperada ao chan, evitou un gol cantado.

E da posible sentenza pasouse ao empate. Un minuto despois, o Nàstic igualaba a contenda por medio de Luis Suárez, que atopou unha brecha na parte dereita da zaga coruñesa, antes de fusilar sen remisión a Dani Giménez.

O Dépor foise con todo arriba, pero topouse co traveseiro nunha acción de Diego Caballo, que acertou a rematar un balón solto na área despois dun centro durísimo de Borja Valle que varios xogadores dun e outro equipo rozaron pero que ningún acertou a contactar con limpeza.

Á saída dun córner a favor dun Dépor envorcado en busca da vitoria, o Nàstic montou un contragolpe no que Pipa quedou só ante Dani Giménez. Con todo a favor e con todo o tempo do mundo, o extremo dereito visitante disparou ao primeiro toque e fíxoo á esquerda da portería coruñesa.

No tempo engadido, o Dépor seguiu atacando, principalmente nunha acción pola esquerda de Borja Valle, cuxo disparo saíu excesivamente alto.

Con este empate, o Deportivo alcanza os 47 puntos, cos que se mantén unha semana máis no quinteto de cabeza de LaLiga 1|2|3 xunto a Albacete, Granada, Osasuna e Málaga.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Somma, Pablo Marí, Saúl, Edu Expósito, Álex Bergantiños, Didier Moreno (Diego Caballo, min. 83), Fede Cartabia (Montiel, min. 65), Quique (Christian Santos, min. 73) e Borja Valle.

Gimnàstic de Tarragona: Bernabé, Salva, Noguera, Mikel Villanueva, Josema (Pol Valentín, min. 70), Thioune, Imanol García, Cotán (Kanté, min. 56), Pipa, Luis Suárez e Javi Márquez (Sadik, min. 65).

Goles: 1-0 Edu Expósito (min. 49); 1-1 Luis Suárez (min. 84).

Árbitro: Soto Grado (c. rioxano). Cartón amarelo a Javi Márquez (min. 25), Cotán (min. 28), Thioune (min. 62) e Didier Moreno (min. 71).

Incidencias: partido correspondente á 26ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 17.102 espectadores. Gardouse un minuto de silencio en memoria de Fefé García del Río, socio número 2 do RC Deportivo e homenaxeouse no descanso a Juan Fernández, campión de España de surf na modalidade de ondas grandes.