RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ao Dépor escápaselle o partido en El Sadar nun cuarto de hora (2-1)

O Deportivo caeu derrotado na súa visita a El Sadar, feudo do líder de LaLiga 1|2|3, o Osasuna, a pesar de que arrancou con moi bo ton e mesmo se adiantou no marcador. O conxunto local xa lle deu a volta ao resultado á media de hora de partido e soubo xogar as súas bazas nunha segunda metade na que os herculinos apenas tiveron opcións de lograr a igualada.

O novo técnico deportivista, José Luis Martí, realizou catro modificacións con respecto ao once que presentou Natxo González no seu último partido como adestrador branquiazul. En mediocampo, Vicente Gómez e Didier Moreno deixaron os seus postos a Álex Bergantiños e Pedro Mosquera e na zona ofensiva Pedro Sánchez entrou por Matías Nahuel e Christian Santos por Carlos Fernández.

Empezou forte o Depotivo de Martí, pois se cumprían só 10 segundos do inicio do encontro e após un balón longo, Christian Santos tivo a primeira gran ocasión. O ex deportivista Rubén, porteiro do equipo navarro, despexou a saque de esquina o potente zurdazo do dianteiro venezolano desde a frontal da área.

No minuto 7, e de novo após baixar a pelota Christian a un balón longo de Pablo Marí, Edu Expósito gozou dunha nova pelota nas proximidades da área. O centrocampista buscou un disparo colocado. A pelota marchouse por riba do traveseiro.

Cando se cumpría o minuto 10, o Deportivo adiantouse no marcador, por medio de Quique. O máximo goleador branquiazul recibiu un perfecto balón en profundidade de Álex Bergantiños ante a saída do central osasunista Aridane. No man a man, superou por baixo a Rubén, anotando deste xeito o seu gol número 15 na presente edición de LaLiga 1|2|3. O ex osasunista non celebrou o tanto por respecto á súa antiga afección.

Só 4 minutos despois, Osasuna equilibraba a contenda no seu primeiro achegamento do encontro. Rubén García aproveitou un balón longo de Clerc para plantarse só ante Dani Giménez e batelo ante a súa saída.

Pouco despois, Kike Barja culminou un claro contragolpe osasunista cun disparo inocente desde a frontal da área que atrapou con facilidade o porteiro deportivista.

Despois dun cuarto de hora de control deportivista pero sen ocasións, o Osasuna completaba a súa remontada cun libre directo de Rubén García ante o que Dani Giménez nada puido facer. O esférico coouse por toda a escuadra esquerda da portería coruñesa. Con só 3 disparos a portería en media hora de xogo, o conxunto local lograra 2 goles.

O cuarto de hora final da primeira metade desenvolveuse igualmente sen accións dignas de mención en ningunha das dúas áreas e, por tanto, chegouse ao intermedio coa vitoria momentánea do conxunto pamplonica.

Nada máis arrancar a segunda metade, Christian Santos gozou dunha nova ocasión. Aridane fallou ao tentar despexar un balón longo, o coiro caeu a pés de Quique que, sen demasiado ángulo, preferiu ceder o balón cara á chegada do internacional venezolano. O seu remate coa dereita desviouno coa punta da bota Unai García e o balón acabou en córner.

No minuto 56, Rubén estampou un despexe co seu pé esquerdo no corpo de Christian Santos. O ariete deportivista non puido reaccionar a tempo para facerse coa pelota, cando a portería se atopaba completamente baleira pois o porteiro local saíra cara ao costado esquerdo da súa área.

Recentemente superada a hora de partido producíronse os primeiros cambios en ambas as escuadras. En primeiro lugar, Borja Valle substituíu a Christian Santos nas filas branquiazuis. Acto seguido, Jagoba Arrasate, adestrador do equipo navarro, realizou un dobre cambio para reforzar o seu mediocampo coa entrada de Luis Perea por Kike Barja e para dar osíxeno á dianteira con Brandon en lugar de Juan Villar.

Pouco despois, Nahuel entrou no posto de Álex Bergantiños. Entón, Edu Expósito, que xogara até entón na banda esquerda do mediocampo, pasou a ocupar o eixo da medular xunto a Pedro Mosquera.

Con todo, cos cambios non foi capaz o Deportivo de facer dano ao Osasuna. Non volveu gozar dunha ocasión de gol, nin sequera disparou en oportunidade algunha cara á portería de Rubén.

O equipo branquiazul, após sumar a sexta derrota nesta campaña de LaLiga 1|2|3, continúa na quinta praza, con 54 puntos.

CA Osasuna: Rubén, Nacho Vidal, Aridane, Unai García, Clerc, Roberto Torres, Oier, Rubén García, Rober Ibáñez (Lillo, min. 87), Kike Barja (Luis Perea, min. 65) e Juan Villar (Brandon, min. 65).

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Domingos Duarte, Pablo Marí, Diego Caballo, Pedro (Didier Moreno, min. 82), Álex Bergantiños (Nahuel, min. 70), Pedro Mosquera, Edu Expósito, Christian Santos (Borja Valle, min. 61) e Quique.

Goles: 0-1 Quique (min. 10); 1-1 Rubén García (min. 14); 2-1 Rubén García (min. 31).

Árbitro: Figueroa Vázquez (c. andaluz). Cartón amarelo a Pablo Marí (min. 30), Christian Santos (min. 43), Rubén García (min. 70), Rubén (min. 81), Domingos Duarte (min. 82) e Rober Ibáñez (min. 87).

Incidencias: partido correspondente á 34ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio de El Sadar ante 16.383 espectadores.