RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Aquí non se sobe coa boca. Sóbese traballando moito e sufrindo", advirte Anquela

Juan Antonio Anquela subliñou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que, tralo peche do mercado, "quedou un cadro bastante equilibrado, practicamente con 2 futbolistas por posto. A ver se agora somos capaces de sacar o rendemento que todos esperamos".

Cre que de cara ao partido deste sábado 7 de setembro en ABANCA-RIAZOR ante o Albacete Balompié (16:00 horas, Movistar LaLiga) "é o momento de gañar, de xogar e facer as cousas ben. No fútbol existe unha palabra que se chama respecto. Non necesariamente ten que ser o contrario a ambición. Ambición e respecto teñen que ir xuntas, e o Deportivo ten que levar esas premisas. Hai que respectar ao rival e ir con toda a ambición do mundo a tentar sacar o partido adiante".

Asegura ter "clarísimo" o obxectivo para esta temporada: "Gañar o próximo partido e nada máis. Falar de ascenso é gratuíto. Coa boca conséguese todo. Pero hai que facelo. Que nesta categoría o Dépor é un equipo de Primeira é evidente. Pero está en Segunda División. E aquí non se sobe coa boca. Coa boca é moi fácil. Aquí sóbese traballando moito e sufrindo. E se non ás probas remítome".

Quixo aclarar ademais, ao fío do mercado de fichaxes recentemente finalizado, que "aquí estamos perfectamente coordinados. Todo o que se fai, Carmelo comunícamo". "Estou totalmente coordinado. O fútbol de hoxe en día funciona así: Antes o adestrador dicía 'quero a este, este, este e este. E o Director Deportivo practicamente non existía. Existía un secretario técnico. O fútbol avanzou en todo e hai que adaptarse. Os tempos están así e non hai máis historias. Eu veño aquí e as cartas están boca arriba. Dixéronme 'isto funciona así. ¿Interesa ou non interesa? Interésame. Pois para adiante'. E as regras do xogo están marcadas desde o primeiro día".

Ademais, recalcou que "o traballo da Dirección Deportiva é excelente. Eu simplemente deixábavos un día con el (Carmelo del Pozo). Ese ritmo non o aguanta ninguén. O teléfono cada 5 segundos. Tentando pechar a operación de Rolan, que se Rolan non se ía, non podiamos facer nada máis. E viñeron 5 futbolistas que nos van a achegar moito, moitísimo. A ver se temos sorte de sacarlles todo o rendemento que eles poden dar".

Agora co cadro configurado, Anquela o único que quere é "un Dépor competitivo e un Dépor que saiba como se xoga en Segunda División. Estamos a pasar moitos problemas porque nalgúns balóns non fomos contundentes e nos balóns divididos... A palabra é competir en Segunda División. Estamos capacitados para facelo e a xente que veu pódenos axudar neste sentido".

Advirte que os canteiráns que se adestran a diario co primeiro equipo teñen o seu sitio no Fabril, "pero se temos que botar man, botaremos man. A min non me tremeu o puxo de poñer a Mujaid e podía facer outra historia. Puxen a Mujaid porque creo que era a persoa idónea. Non sei se me equivoquei. Se son bos e piden paso, eu non teño ningún problema en que xoguen. Agora temos un cadro que melloramos considerablemente nestes días. E o que hai que facer é sumar puntos, que é o único que interesa. E o que realmente interesa é que pasaron 3 partidos e que levamos 3 puntos nada máis. E o sábado xogamos contra o Albacete e non escoitei nin unha soa palabra do Albacete. O ano pasado xogou liguiña de ascenso e quedou a un gol de pasar. O único que temos que facer é competir como require esta categoría".

Precisamente aventura cambios no once inicial deste sábado respecto ao do pasado domingo en Vallecas. Nesta liña, confirma que das novas incorporacións "van xogar. Dous, tres, catro, dá igual. O verde pon a cada un no seu sitio". "Onte xogamos un partido (o Memorial Moncho Rivera en Ferrol) e a xente que xogou estou máis que contento coa súa achega", engade.

Finalmente, reitera sobre os problemas defensivos que "se nós queremos apertar arriba, se ti queres facer unha cousa e os teus dianteiros non o fan, estamos a facer as cousas mal. Oes, imos meternos todos debaixo da portería. Iso a min non me gusta. Eu quero levar a iniciativa do partido. No día do Huesca non saíu absolutamente nada. O día do Rayo non o fixemos nada mal. O único é que non fomos contundentes sobre todo na nosa área".

Insiste en que nesta categoría, "para gañar hai que estar os 97 minutos de partido concentrados. Non temos unha variña máxica ou alguén que colla e faga pin, pin, pin. Temos que gañalo todo a base de pico e pa; e dun equipo que queira, que queira. E se non facemos iso non lle gañamos a ninguén".