RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Arribas: "Desde fai un par de meses, o equipo está a competir, metido en todos os partidos"

Alejandro Arribas foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo. Subliñou, de fronte ao partido deste sábado 28 de xaneiro en Ipurua (18:30, Bein Sports), que "agora todos os partidos son igualados. É complicado sacar os tres puntos. O Eibar na súa casa está moi forte, é un campo pequeno que normalmente se meten bastantes goles. En calquera momento pódenche marcar un gol".

Por este motivo, o central deportivista advirte que "hai que estar espabilado, hai que estar atentos. Imos con moita ilusión e a ver se nos podemos levar os tres puntos".

Sobre a traxectoria do Dépor neste 2017, sen derrotas pero tamén sen vitorias, Arribas opina que "estamos a competir en todos os campos. Empezou a liga regular, e agora desde fai un par de meses, o equipo está moi ben, está a xogar ben e sobre todo está a competir, metido en todos os partidos. O outro día empatamos, imos sumando. De momento non perdemos neste ano e oxalá podamos seguir sen perder o sábado".

Lembra o defensor deportivista, unha vez concluída a primeira volta da competición, que "estamos fóra do descenso, que é o obxectivo, a unha distancia máis ou menos boa. O equipo tivo altos e baixos a principios de temporada, partidos bos con partidos malos. Desde hai dous meses, o equipo xogará mellor ou peor, pero sempre está metido no partido, sempre está a competir, está a sacar puntos. Leva varias xornadas sen perder. Esperamos mantelo".

Eses 19 puntos, na súa opinión, reflicten segundo Arribas que "o equipo está ben. Está a xogar ben, está a obter resultados. Non perder é sinónimo de que o equipo está ben. A seguir nesta liña, tentando mellorar os detalles que nos indica o míster".

Recalca sobre os equipos que están abaixo na clasificación que "estamos mellor que eles. Estamos por encima, sacámoslles varios puntos. Eles teñen que estar máis preocupados que nós. Temos que seguir o noso camiño, chegar ata 42 e se chegamos ata 42, estou seguro que os de abaixo farán menos".

Confesa que este sábado ante o Eibar, "temos esa ilusión de poder romper esa serie negativa de non poder sumar os tres puntos fóra de casa. A tentalo en Ipurua. É un bo campo. O míster coñéceo ben. Se gañamos seguro que se alegra o dobre".

En canto ao seu nivel persoal, admite estar "moi contento. Todos traballamos cada día para poder ser elixidos a fin de semana. De momento elixíronme os dous últimos partidos. Cada partido para min é coma se fose o último, teño que demostrar que podo seguir xogando o partido seguinte. A seguir traballando".