RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Aviso moi importante para todas as persoas que acudan ao Estadio ABANCA-RIAZOR

Seguindo as indicacións que publicou a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e que expresamente trasladou ao RC Deportivo, informamos a todas as persoas que vaian acudir o vindeiro domingo ao Estadio ABANCA-RIAZOR con motivo do partido Deportivo-CF Talavera de Primeira RFEF do seguinte:

Como consecuencia da publicación no DOG o 17 de decembro de 2021 (nº 241), da Orde da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, de 14 de decembro de 2021, pola que se establecen medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos e prorróganse diversas ordes como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 en Galicia, o RC Deportivo de La Coruña, SAD vese obrigado a esixir a todas persoas maiores de 12 anos para acceder ao estadio ABANCA-RIAZOR, a seguinte documentación, ademais do seu DNI, un dos documentos aos que se refiren os seguintes ordinais:

1º. Certificado de vacinación (en formato papel ou en formato dixital) acreditativo de que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a que se concedeu autorización de comercialización na Unión Europea (BioNTech, Pfizer;  Johnson & Johnson; Moderna; Novavax; Oxford, AstraZeneca).

2º. Que dispoñen dunha proba diagnóstica negativa realizada nas últimas 72 horas, no caso de PCR, e 48 no caso do test de antíxenos. No caso do test rápidos de antíxenos, deberán estar enumerados na lista común e actualizada de test rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/C 24/01, do Consello de Europa (consultar lista).

3º. Que a persoa se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 nos últimos 6 meses. Para iso a persoa deberá ser diagnosticada como caso confirmado da COVID-19 hai 11 días ou máis mediante unha proba PCR, non sendo válido outro tipo de test.

NON PODERÁN ACCEDER AO ESTADIO ABANCA-RIAZOR as persoas maiores de 12 anos que non acheguen algún dos documentos sinalados anteriormente, para que o persoal do Club poida realizar a comprobación á que vén obrigado legalmente.

Debido ás esixencias da norma e ás comprobacións que temos que realizar, é posible que se retarde o acceso ao Estadio, polo que suxerimos que se acuda con polo menos 30 minutos de antelación, e infórmase que desde as 11:00 horas será posible acceder a ABANCA-RIAZOR.