RCD / NOVAS

Bertamiráns repite DéporCampus Cabreiroá por cuarto ano consecutivo

30/06/2019 16:00

Bertamiráns será escenario dun DéporCampus Cabreiroá por cuarto verán consecutivo, mercé á renovada colaboración entre o RC Deportivo, o Bertamiráns CF e o concello de Ames.

Á presentación do DéporCampus Cabreiroá 2019 de Bertamiráns acudiron José Miñones (alcalde de Ames), Susana Señoris (concelleira de deportes de Ames), Rafael Budiño (presidente do Bertamiráns CF) e Sergio Penas (secretario técnico de fútbol base do Bertamiráns CF). Tamén participou no acto, en representación do Club, Pablo Barros, director dos DéporCampus.

A localidade da área metropolitana de Santiago de Compostela, un dos clásicos dos DéporCampus Cabreiroá, será unha das sedes cunha quenda, do 8 ao 12 de xullo. O Campo de Fútbol Municipal de Bertamiráns será a sede deste DéporCampus Cabreiroá 2019, cuxas inscricións están abertas a nenas e nenos de entre 6 e 14 anos e poderán realizarse até o mediodía do xoves 4 de xullo.

Nesta ligazón podes consultar os prezos e nestoutro podes cubrir o formulario de inscrición.

Os DéporCampus Cabreiroá 2019 contan cun total de 15 sedes: 10 en Galicia, 1 en Cantabria e 4 fóra de España.

Podes atopar toda a información dos DéporCampus Cabreiroá en deporcampus.rcdeportivo.es/gl.