RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja fala de vitoria "liberadora" e Dani Giménez resalta a "sensación de estar de volta"

Borja Valle e Dani Giménez atenderon aos medios de comunicación na zona mixta do Estadio ABANCA-RIAZOR.

O futbolista berciano, autor esta tarde do segundo tanto que finiquitaba o encontro, indicou que foi "importante gañar e aínda máis facéndoo como o fixemos".

Apunta o dianteiro deportivista que "se viu un bo partido no que estivemos a gusto, estivemos libres".

Non sabe se foi o partido máis completo do Dépor no que vai de temporada "pero dos que máis si. O primeiro balón que tocou Dani (Giménez) foi no minuto 20 e iso é moi bo sinal. Que non nos crearon ocasións reais é moi bo sinal. Que deixásemos a portería a cero é mellor sinal. Volves marcar, volves crear ocasións, volves ter o control do partido, volves ser dinámico, tes pausa, velocidade... Fixemos as cousas moi ben e levas unha vitoria que ao final che libera".

Pola súa banda, Dani Giménez, un dos capitáns, subliñou que "por fin un partido de 95 minutos moi completo. Desde o minuto 1 con ocasións de gol. Eu practicamente fun un espectador. Iso fala ben dos compañeiros".

O meta deportivista recalca que "o máis importante é a sensación de estar de volta, de que a xente outra vez está, non enchufada que sempre o estivo, pero si con esa confianza que fai falta para levar o peso dos partidos".