RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Galán advirte na súa presentación que os rivais teñen "motivación extra por xogar contra o Dépor, un grande"

Borja Galán González (Madrid, 26 de abril de 1993) foi presentado esta mañá como futbolista do primeiro equipo, ao que chegou após pasar anteriormente dúas temporadas no Fabril e unha, a pasada, como cedido no AD Alcorcón.

Despois do regulamentario posado para os medios gráficos sobre o céspede do campo 1, o atacante madrileño pasou pola sala de prensa.

Abriu o acto o Director Deportivo, Carmelo del Pozo, quen se mostrou "moi contento pola idea que levou a cabo o ano pasado. Xogadores que poden dar un salto na esixencia, abrirlles as portas da canteira para ver se ese paso faino cun rendemento importante e que lle permita chegar ao primeiro equipo. Cando lle chegou a oportunidade de ir a outro club de Segunda División, entendemos que era unha oportunidade moi boa. Abriuse a posibilidade sempre coa opción de poder volver á que é a súa casa. Durante o ano fíxose un seguimento. Na Dirección Deportiva creouse unha figura para facer o seguimento dos xogadores cedidos. No meu caso estiven un par de veces con el, falando, véndolle en directo. Entendemos que o desenvolvemento que tivo é mérito seu e el é o que conseguiu chegar aquí. Todos estamos moi contentos. Xa é un xogador para todos os efectos do primeiro cadro, e encantados diso".

Borja confesou tamén estar "moi contento por estar aquí, de gañarme o dereito a volver. Con ganas de empezar a traballar".

Tralo seu paso polo Alcorcón a temporada pasada en LaLiga 1|2|3, séntese "máis feito. Síntome moito máis xogador. Xoguei 35 ou 36 partidos en Segunda División. É unha bagaxe importante e considero que crecín como xogador e como persoa". "Considérome un xogador moito máis feito, con descaro, desequilibrio e disposto a achegar", conclúe.

Advirte vir ao Dépor "a gañarme un posto. Logo ao final será o adestrador o que decida. Estarei para axudar ao equipo en todo o que necesite".

Nestes primeiros días, Borja Galán conta que "a moitos compañeiros xa os coñecía da miña anterior etapa aquí. Co míster o mesmo. Levamos dous días, as sensacións son boas. Transmitiunos o que vai pedir de nós, o que vai necesitar de nós. Con ganas de darllo".

Explica que Juan Antonio Anquela quere "un equipo con intensidade, con identidade. A el gústanlle equipos que metan a perna. E xogar ao fútbol. Cando se fala de ter personalidade, de ter carácter non se fala só cando non tes o balón, senón tamén coa pelota".

Séntese o futbolista branquiazul como un máis de #ANOSACANTEIRA: "Vin aquí hai 3 anos. Estiven 2 no Fabril, funme un ano de 'Erasmus'. Agora volvín. A miña noiva é de aquí. Teño moitos amigos aquí. É unha cidade espectacular, aquí estou moi a gusto. Vívese moi ben, cómese moi ben. Estou encantado aquí e desexando estar moitos máis anos".

Iso si, sostén que o obxectivo do Deportivo "non o escondemos. Os retos gustan. A min sempre me gustaron. E con ganas de afrontalo".

Cun ano de experiencia en LaLiga 1|2|3, Borja Galán indica que "se demostrou que é dificilísimo gañar en calquera campo e en casa. Os rivais apértanche. Eu que estiven nun equipo que non é o Dépor, cando vés a ABANCA-RIAZOR tes ese puntiño de motivación extra. Xogar contra o Dépor é xogar contra un grande. E temos que ser conscientes diso e estar preparados".

A pesar de pasar un golpe duro o pasado 23 de xuño en Mallorca, ve ao vestiario enteiro: "Si que é verdade que foi un pau. Eu vivino desde a distancia. Lamentarse no pasado non vale para nada. Temos un ano moi bonito por diante, moi ilusionante. Con ganas de conseguir ese obxectivo que o equipo e a afección merecen".