RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Galán: "Sabemos que podemos xogar mellor. Estamos a dar pequenos pasos cara a adiante"

Borja Galán manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que, cun gol encaixado en seis partidos, "os datos falan por si sós, son (datos) moi bos en defensa que creo que é algo moi importante, encaixar pouco".

Iso si, o atacante deportivista advirte que "sabemos que temos que facer máis goles, un pouco máis de dano. Pero os equipos primeiro empézanse a construír por detrás. Nese sentido estamos moi contentos".

Nesta liña, insiste en que "somos esixentes connosco mesmos. Cremos e sabemos que podemos xogar mellor. Estamos a dar pequenos pasos cara a adiante. O outro día na primeira parte enganchamos unha boa secuencia de pases. Hai que enlazar esas boas conexións entre nós con quizais algo máis de profundidade e de acerto, de malicia en ataque. Estamos a dar pequenos pasos cara a adiante e desexosos de seguir nesa liña".

Sobre o partido en Pontevedra deste sábado 5 de decembro (17:00 horas, TVG), Borja Galán opìna que é "un partido bonito, un partido un pouco diferente, un pouco especial. Xogamos contra o segundo clasificado. Sabemos que se gañamos despegámonos un pouquiño. Desexando que chegue xa o sábado e levarnos os tres puntos".

A pesar diso, cre que a importancia do choque é "relativa. Estamos en decembro. Aínda quedan moitos partidos. Se conseguimos a vitoria meteriamos un pouquiño de distancia levando poucas xornadas. É importante distanciarnos, seguir sumando puntos de cara a esa segunda fase que os puntos se acumulan. Partido importante pero como o son todos. Tampouco hai que dramatizar".

Tanto Deportivo como Pontevedra, equipo menos goleado e máis realizador do subgrupo, a xuízo do 11 deportivista indica que "son dous equipos que o están facendo ben á súa maneira. No que nos compete a nós estamos a encaixar pouco, o que nos pon moi contentos porque sabemos que os grandes líderes encaixan pouco. Esa ten que ser nosa liña a seguir sabendo que cuantos máis goles metas máis preto estarás de gañar evidentemente".