RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez: "Hoxe os rapaces estiveron a un nivel moi alto"

Borja Jiménez manifestou ao concluír o partido na Condomina ante o UCAM Murcia CF que esta eliminatoria "a nivel mental vénnos fenomenal porque participaron dez xogadores diferentes do outro día. Fala moi ben dos xogadores, do nivel que están a mostrar".

O técnico deportivista sostén que o equipo "fixo méritos para non chegar á prórroga por situacións claras de gol. Logo na prórroga tivemos a capacidade de seguir empuxando porque é un equipo que ten moita fe, gústalle moito o que fai e sae convencido en calquera campo e ante calquera rival, así que contentos".

Compara o partido desta noite en Murcia co de Irún de liga, "por volume de ocasións, pisamos moitas veces a área con situacións claras de gol. Estamos moi contentos co rendemento. Entendemos o fútbol desde o ataque. Hai días que estamos máis estancados como o outro día pero hoxe os rapaces estiveron a un nivel moi alto. Moi contento con todos, co minutaxe e porque a nivel mental aos xogadores que menos participaron un partido como o de hoxe dálles a vida".

Admite que este partido copeiro para os futbolistas que menos participaron en liga "vailles a abrir moitas portas, moitas xanelas. E sobre todo a nós nos reconforta saber que cando asinamos este tipo de xogadores ningún tiña ningunha dúbida de que eran do cadro do Dépor, co nivel máis que suficiente e hoxe demostrárono. Alégrome especialmente por todos porque o merecen: desde Borja Granero ou Trilli, que levaba sen xogar un minuto tres meses; Calavera, que a súa participación foi moi pequena; Trigueros, que despois da lesión non participara; Noel, que sempre ten bos minutos; Rafa de Vicente..."

De feito, xa aventurou que o día 15 de decembro, na segunda eliminatoria de Copa del Rey, "esperemos que en ABANCA-RIAZOR para viaxar algo menos, os que non xoguen a semana anterior (en liga) serán os que participen ese día".

Preguntado por Yeremay, cun gol marcado e unha asistencia, Borja Jiménez asegura que "non nos sorprende porque ten a capacidade de facelo bastantes veces durante a semana. É un mozo moi novo que o estamos educando no que é ser profesional. Deu un cambio desde o día que chegamos aquí moi grande. É un Yeremay totalmente diferente ao que fora até agora. Ten que seguir adestrando como o está facendo porque sabía que lle ía a chegar a oportunidade. Cando veu convocado é porque confiamos nel plenamente como unha opción de recambio. Só dános medo o aspecto físico porque nunca xogou a este nivel moito minutaxe pero estivo ben. Ten que seguir facéndoo ben porque ten cualidades".

E de Pablo Brea, o outro debutante esta noite en partido oficial ademais de Yeremay, afirmou que "en primeiro lugar aconsellaríalle que non mire as redes sociais porque te aforras problemas. Partindo desa base, a crítica neste deporte é habitual, existe sempre cara aos xogadores, cara ao adestrador, cara a todo o mundo que está dentro do circo do fútbol. Pablo é moi bo porteiro. Ten que estar tranquilo. Todos podemos ter un día mellor, peor... Estamos moi contentos por como fai as cousas. É un porteiro de moito futuro e non hai que darlle máis voltas".