RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez lembra que o Dépor é campión de Copa e asegura "respectámola moitísimo, sabendo onde estamos agora mesmo"

Borja Jiménez lembrou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que, ante a ausencia na convocatoria de sete xogadores habituais en liga para o partido de Copa do Rei de mañá mércores 1 de decembro (20:00 horas, Footters) en La Condomina ante o UCAM Murcia CF, "temos un cadro moi amplo, con moitos e moi bos xogadores. É o momento de que eles nos demostren que son xogadores de moitas garantías, que o poden facer fenomenal. Vou súper tranquilo. Non é como cando tes un cadro máis xusto e dis 'uff'... Non teño ningunha dúbida do nivel que van mostrar e para eles é unha oportunidade moi boa".

Do UCAM Murcia CF, o técnico deportivista explica que "tiven a posibilidade de ver o último partido que xogaron en casa e, a priori, o campo está en bo estado. Alí na rexión de Murcia, os campos adoitan ter moi bo aspecto e é unha zona onde se coida moito. Non creo que vaia a estar mal. E o rival é un equipo que o ano pasado estivo a piques de ascender, que ten xogadores moi bos na categoría, xogadores que nós este verán tamén valoramos como posibles xogadores de estar aquí connosco, o que quere dicir que o nivel é moi alto. Empezaron regular na competición, cambiaron de míster (Salva Ballesta por Salmerón), agora fan cousas diferentes. Vai ser un partido difícil para nós porque eles teñen o factor campo a favor coa súa xente pero imos moi convencidos de que podemos pasar a eliminatoria e seguir avanzando nesta competición".

Subliña que desde o cambio de adestrador, o conxunto murciano "tivo un pouco de todos os resultados: perdeu e empatou fóra de casa, e o outro día gañou con con solvencia ao Algeciras. É un equipo moi agresivo en todas as facetas do xogo, vainos a esixir moitos duelos, ser fortes. Ten esa capacidade de apertar arriba e ten xogadores de moito talento: Moyita, que está lesionado, Liberto, Josema, Nuha, que o sufrín nun playoff, Manu Garrido, Xemi... Todos os que xogan aí arriba son xogadores de talento e cun bloque defensivo moi sólido e moi agresivo. Ou sexa que haberá que estar preparados, nós non renunciar ao que facemos habitualmente pero sabendo o que nos imos a atopar do rival, que fixo un cadro para ascender igual que nós. Non nos tocou un equipo nin de diferente categoría nin cun obxectivo diferente na mesma categoría, ou sexa, que vai ser un partido complicado".

Finalmente, advertiu respecto da Copa do Rei que "grazas a deus o Dépor puido gañar en dúas ocasións e respectámola moitísimo, sabendo onde estamos agora mesmo. Vénnos moi ben todo o que poida ser avanzar en máis competicións, porque nos vai a dar ese 'punch' competitivo que para os xogadores que menos participaron vailles a vir fenomenal".