RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Valle ve ao Deportivo "nun momento de madurez, de dar o do de peito e sacar os resultados"

Borja Valle manifestou aos medios de comunicación, após recibir o premio ao Xogador Estrella Galicia do mes de xaneiro, que este galardón é "o primeiro premio que recibo por destacar podendo xogar. Algo que non fixen durante os dous anteriores anos moito. É un motivo máis para seguir feliz, para darme conta que a decisión que tomei foi a mellor, para darme conta que as cousas custan moito pero acaban chegando". "

Nesta liña, o dianteiro deportivista reitera que é "feliz, levo moito tempo sendo feliz. É un aliciente máis para estar feliz aquí".

Cualifica de "paso moi importante" as dúas últimas vitorias do Deportivo lonxe de ABANCA-RIAZOR, en Xixón e Granada: "Á parte foron rivais moi complicados. É un momento moi bonito da temporada, un momento que ilusiona aínda máis tanto a nós que somos os partícipes como á xente que rodea todo isto. É un momento alegre, hai que gozalo todos e aproveitalo tamén".

Insiste en que o Deportivo está "nun momento de madurez, de afrontar partidos moi importantes, dar o do de peito e sacar os resultados. O equipo atopou unha estabilidade, atopou un sistema no que se atopa a gusto e dá resultado. É algo moi positivo que esperemos que dure o máis tempo posible".

Conta que o día do Sporting "todos sentimos que era o día de volver ser o Deportivo, de volver impor ese respecto aínda que sexa fóra de ABANCA-RIAZOR, de volver gañar, de volver ter boas sensacións. Conseguímolo nun campo moi difícil, no que gañaran moi poucos equipos. E o outro día en Granada, máis do mesmo".

Cre que é "moi positivo sacar 17 de 21 puntos contra os equipos de arriba. Se chegas ao final tendo vantaxe sobre eles na diferencia de goles ou na puntuación, é algo moi positivo. É que isto vai estar moi igualado até o final. O que poidas rascar contra os equipos directos, moito mellor".

Este sábado 16 de febreiro ante o Nàstic de Tarragona en ABANCA-RIAZOR (16:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV) pide "non despistarse en absoluto. Gañamos en campos moi complicados e empatamos en ABANCA-RIAZOR gañando 2-0, contra un rival que non criamos que fóramos empatar e máis indo 2-0. En absoluto hai que relaxarse. Hai que facer as cousas igual, coa mesma tensión. Quizais máis aínda porque se non ganas ou non puntúas despois de gañar fóra, tampouco serve de moito". "Cada partido nesta categoría é un mundo, está moi complicado, e ten o seu valor", engade.

Non está obsesionado con ocupar postos de ascenso directo: "Queremos, desexamos estar nesas prazas. Pero o ano vai moi ben, estamos a facer as cousas moi ben. Se seguimos así ese ansiado obxectivo chegará".

A nivel persoal, comenta estar a gusto tanto en punta como escorado a banda. "Cada unha require duns movementos, de facer algo diferente. Son posicións nas que xoguei sempre. Recordo que aquí asinei de extremo, aínda que non participei moito aí. Son posicións nas que me atopo bastante a gusto", apostila.

Ve como "nota negativa" as lesións de compañeiros. Por este motivo, apunta que "é complicado afrontar partidos coa xente tocada. Hai que tentar axudarnos, arrouparnos entre todos, botarnos un cable entre todos e desexar que se recuperen canto antes para estar cantos máis mellor porque isto é moi longo. Seguramente haxa máis baixas e máis problemas".