RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja vaticina un partido en Irún similar ao da SD Logroñés e pide "personalidade para ter o balón nos minutos finais"

Borja Jiménez non se fía do Real Unión de Irún, rival mañá sábado 9 de outubro ás 17:00 horas no Stadium Gal (17:00 horas, Footters), e da súa serie de catro partidos consecutivos perdendo: "Gañou as súas dúas xornadas iniciais. Daquela o día do Celta B tivo máis problemas; pero con UD Logroñés, CD Badajoz e o outro día o Rayo Majadahonda, que son tres dos que van estar arriba xunto connosco, Racing e máis xente como Unionistas, perdeu pola mínima e con opcións".

Ademais, o técnico branquiazul lembra que "cando vai o Deportivo a calquera campo ímonos a atopar mellor ambiente que cando vaia a outro rival, porque para todo o mundo que nesta categoría o Dépor visite a súa casa é unha festa".

Comenta que o adestrador irundarra, Aitor Zulaika, "vén de Zubieta. Enfronteime a el o ano que Imanol pasou ao primeiro equipo. El queda no filial. É un equipo (o Real Unión) que lle gusta ter bo trato con balón. A súa idea de xogo era parecida á que á que vimos o outro día coa SD Logroñés: equipos valentes que lles gusta levar o peso do partido, con xogadores determinantes na parte de arriba como poden ser Nacho, Kun, Pradera, Capelete, que xogou o outro día, Alain... Ten moi bos xogadores de tres cuartos de campo para arriba, que ademais se adaptan un pouquiño ao modelo de xogo que propón o míster. Tanto os extremos como as puntas son xogadores moi dinámicos, verticais e que adoitan atraer xogadores no inicio para tentar atopar situacións de desigualdade en ataque. Será un partido similar ao que vimos o outro día contra a SD Logroñés, onde os dous queriamos levar o peso do encontro".

Apunta que após o empate da última xornada en ABANCA-RIAZOR, a semana de adestramentos foi "normal, mellorando cousas a nivel propio noso, coñecendo un pouquiño o que nos pode ofrecer o rival e coa ambición de querer traernos o tres puntos de Irún".

É máis, advirte que ese gol rioxano no último suspiro "tratámolo coa normalidade de que era un partido que tiñamos que resolver moito antes, que tivemos ocasións, sen contar o pau e o traveseiro, transicións moi claras na segunda parte onde podiamos ter finiquitado o partido. Incluso a de Doncel, case no desconto, que é moi clara tamén. O fútbol ten estas cousas. É un tópico cando perdoas pois o acabas pagando e a nós pasounos o outro día na acción illada do centro que se podía dar no córner anterior, que foron as dúas situacións de perigo que crearon nos 94 minutos. Pero é parte do xogo. Haberá algún día que nós metamos no desconto e sírvanos para arrincar algún punto. Non teño dúbida".

Iso si, o adestrador branquiazul recalca que "temos que mellorar a xestión deses minutos coa pelota. Para que o equipo rival non lance dez balóns contra a túa área pois tes que ter o balón. E se tes a capacidade como fixemos outros partidos como o día de Badajoz de que non che chegue preto da área pois se produce moito menos. Non ten unha análise máis aló de que neses minutos temos que ter a personalidade para ter o balón; e se nalgunha situación concreta onde nós teñamos o balón perdémolo e fannos unha transición pois non pasará nada porque é o que buscamos. O que si que hai que facer é coller a pelota nos últimos minutos, que creo que o outro día faltounos por demérito noso e estou seguro que por mérito da SD Logroñés, que fixo uns minutos finais interesantes".

Finalmente, preguntado por Noel, Borja Jiménez asegura que "segue adestrando moi ben, como fixo sempre. Por iso segue sendo xogador do primeiro cadro. No momento que vexamos que se desvía dese camiño tomaremos as medidas que teñamos que tomar. Pero el segue igual, adestrando moi ben. É o mesmo mozo sorrinte que empezou a pretemporada. Con 18 anos ten moitas cousas que mellorar, pero eu creo que estamos a traballar no día a día para que cada vez sexa mellor futbolista, que ao final é o que nos interesa neste caso a min como adestrador e ao Club: que Noel cada día sexa mellor".