RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja ve ao Dépor "ben situado" pero lembra que "o importante vai ser abril e maio, chegar en bo posicionamento a esas xornadas e que dependa de ti"

Coa presenza confirmada dun milleiro de deportivistas nas bancadas do Cerro del Espino este domingo 21 de novembro (12:00 horas, Footters), Borja Jiménez, en rolda de prensa este mediodía, cre que o de #ANOSAFORZA "é un fenómeno sociolóxico que se debería de estudar, o compromiso que ten a afección co Club nunha situación a nivel de competición ou estando na terceira categoría que non é normal. É digno de encomiar cada día da semana e sobre todo para nós telo en conta e ter esa responsabilidade de saber que hai 1.000 ou 1.500 persoas que se desprazarán a Madrid e outros tantos miles deles que nos van a ver a través das pantallas. É algo que sabemos desde o primeiro momento, que non deixa de encherme de satisfacción. Xa non me sorprende porque é algo habitual neles, que cada vez sexa máis xente, que cada vez nos apoie máis xente, que cada vez nos mostren máis agarimo. É o maior patrimonio ou dos maiores patrimonios que ten o Club. Hai que coidalo e nós o que podemos facer é defender o seu escudo a matar o domingo".

Do CF Rayo Majadahonda, o técnico deportivista opina que "a nós nos poden gustar máis os nosos xogadores, por iso están aquí, por iso elixímolos, pero neste caso é o Rayo Majadahonda, o Real Racing, o UD Logroñés, o Badajoz, a SD Logroñés ou o Racing de Ferrol ou a Cultural Leonesa... todos os que estamos nesta categoría tentamos elixir os mellores xogadores. A categoría é moi igualada, que se decide por moi pequenos detalles, por momentos dos partidos. E eles (polo Rayo Majadahonda) teñen xogadores que están a dar un nivel moi alto, xogadores que sei que tiveron, pois igual que nós, situacións de Segunda División, xogadores contrastados tamén na categoría e no fútbol profesional. Ou sexa que teñen un moi bo equipo, por iso están aí arriba, facendo as cousas moi ben".

Subliña dos madrileños que "é un equipo que na súa casa até o día do Racing de Ferrol fora moi potente. Ten moi claro ao que xoga, ten a capacidade de atacar espazo se vas coa liña moi adiantada porque despraza moi ben, ten un xogador ou xogadores por fóra con moito desequilibrio, acumulan moita xente en situacións de remate... Un moi bo equipo na categoría. Non o vou a descubrir eu que por iso teñen a puntuación que teñen neste momento. Entón vai ser complicado, visitamos unha vez máis a un dos rivais que van pelexar connosco por estar aí arriba e temos moi claro o que nos podemos atopar a priori".

Con tres puntos de vantaxe á fronte da táboa no grupo 1º de Primera RFEF, 26 do Dépor e 23 puntos de Real Racing Club, CF Rayo Majadahonda e UD Logroñés, apunta que "gañar sempre axuda a que sexas máis valente, a que che atrevas a facer máis cousas. A nosa misión como adestradores é que o xogador o faga independentemente cando gañe que cando perda. Agora vimos dunha xeira de resultados positivos nos cinco últimos partidos, o equipo móstrase moi sólido, segue xerando... Estamos contentos, sabendo que en calquera momento pódese perder ou empatar. Non nos vai a facer cambiar a visión de cal é o noso obxectivo, que é ir crecendo como equipo e ir sumando puntos para esa puntuación que estimamos que nos pode dar para conseguir o obxectivo. Estamos agora mesmo moi ben situados. Oxalá dure moitísimo tempo. Pero xa me escoitastes máis veces nesta sala dicir que o importante vai ser abril e maio, chegar en bo posicionamento a esas xornadas e que dependa de ti. Iso téñoo clarísimo".

En canto á puntuación necesaria á que alude na liga, "polo igualada que está a ser, todo o que sexa chegar a 70 ou de aí para adiante nesa marxe, entre 60 e moitos, 70 e tantos, aí vai estar as contas por como está a transcorrer agora mesmo a competición, por outros anos... Lembro o ano do ascenso da Cultural que eles, Racing e Celta B fóronse a 80 e tantos puntos. Iso pasa cada cada moitos anos, entón non sería o normal ter que irse tan alto, pero estamos abertos a todo. Levamos moitos puntos pero os rivais case os mesmos que nós. Creo que se vai a ir a unha puntuación longa, non tan longa como a que vos comento, pero si moi competido".

Sobre o UCAM Murcia CF, rival na primeira eliminatoria da Copa do Rei, a partido único en La Condomina segundo o sorteo realizado onte, Borja Jiménez indica que "a día de hoxe non o vin. Si que coñezo o seu cadro porque despois do sorteo dediqueille cinco minutos a saber que xogadores tiñan, as últimas noticias... Aínda queda, temos dous partidos por diante moi importantes para o noso obxectivo principal, que xa sabedes cal é. Gustounos xogar en ABANCA-RIAZOR, con #ANOSAFORZA ou xogar a 100 quilómetros pero temos que irnos a 1.000 case. A viaxe será longa, cun partido o sábado outra vez (en Ferrol). É o formato de competición que temos que a fai máis atractiva pero ten tamén este tipo de inconvenientes en canto a ter que facer entre semana un desprazamento tan longo. Xa haberá tempo de falar da Copa porque sinceramente non analicei moito todo o que poida pasar o día que xoguemos, que aínda non o sei".