RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Bóveda: "Nin o vestiario está roto, nin está morto"

Eneko Bóveda, un dos futbolistas máis veteranos do cadro, compareceu esta mañá ante os medios informativos na sala de prensa de Abegondo.

O defensor deportivista confesa sentirse "mal. Fóra de aquí tes a túa vida. En certa maneira non nos podemos queixar. Pero no noso día a día isto ten un peso importante e ao final son momentos moi malos e que é difícil conseguir momentos nos que che abstraes destas pequenas ou grandes miserias que están a pasar".

Advirte que o que está a pasar o Deportivo "son momentos nos que, a pesar de que custe, hai que tentar manterse equilibrados. Debemos facer todos os nosos esforzos neste sentido".

Nesta liña, pide non valorar "cousas que están a pasar ao noso ao redor. A nosa responsabilidade é a que é. Aquí hai xente que leva xogando no fútbol profesional 2, 3, 10 anos... Sendo o que somos, triunfamos unhas veces, fracasamos outras. Esta situación probablemente ninguén a viviu, tan mala no deportivo. Temos que ser o que fomos até agora, ao longo da nosa vida".

Preguntado polas palabras de Dani Giménez o pasado sábado en Almendralejo, na zona mixta do Estadio Francisco de la Hera, nas que o meta deportivista solicitaba aos compañeiros que non estean preparados que se aparten ao carón, Bóveda non lles dá maior transcendencia e sitúaas "no contexto tan duro, tan difícil de levar que nos está tocando vivir".

Opina que os afeccionados, nas súas protestas non tanto dirixidas aos futbolistas, "no fondo queren moito a este Club e cren que se matan os xogadores están a matar ao seu Club. En última instancia nós somos os que saímos ao campo e non queren matar os seus soldados. Sentino nos últimos partidos en ABANCA-RIAZOR. Moitísima xente que non nos quere nin ver sabe que este sábado (ante o AD Alcorcón, 18:00 horas), van ter que saír 11 nosos e a eses 11 hai que axudarlles".

O defensor vasco reitera que "cre no que crea o adestrador. Se el cre 11 cambios, 20 cambios, sistema... o que sexa. Eu crerei que este é o momento. No que el cre. Non no que ninguén máis crea". "Se o adestrador di 3 centrais, eu quero 3 centrais. Se o adestrador di con 5 puntas, para min ese é o mellor. E xa está. Esa ten que ser a forma de traballar dun equipo", engade.

Asegura que "nin o vestiario está roto, nin morto. O que pasa é que hai uns rapaces que están a sufrir porque non atopan explicacións, porque ademais de que non as atopan, téñenas que dar. Todo iso fai que ao final un veña aquí e diga que podo eu vender".