RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Bóveda: "Sen sentirnos superiores a ninguén, tampouco nos temos que sentir inferiores"

Eneko Bóveda subliñou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que, ante a visita á SD Huesca, un recentemente descendido de LaLiga Santander, este domingo 25 de agosto (19:00 horas, Movistar LaLiga e Gol) en El Alcoraz, "nós, sen sentirnos superiores a ninguén, tampouco nos temos que sentir inferiores".

Recoñece o lateral deportivista que "os 3 equipos que descenden (entre eles a SD Huesca) contan con xogadores seguramente de maior cartel e probablemente carguen con ese papel de favoritos" de cara ao ascenso.

Nesta liña, asegura que "afrontamos este partido como con calquera outro rival"; aínda que non se atreve a dar 3 candidatos a quedar nas tres primeiras posicións: "Non acertaría ningún dos 3. Isto dos cadros vai moi relacionado co orzamento co que contes. Os cadros máis potentes con xogadores de traxectorias máis brillantes ou momentos máis rechamantes adoitan ser os cadros que gozan de mellor saúde económica. Ese é o papel de favoritos que agora seguramente lle toque ao Huesca e que o ano pasado tocábanos a nós".

Do pasado domingo en ABANCA-RIAZOR ante o Real Oviedo, "houbo cousas boas e malas", segundo Eneko Bóveda. "Non foi un partido redondo pola nosa banda, nin moito menos. Durante moitas fases o equipo sentiuse medianamente cómodo pero tampouco gozando do todo do xogo. Cando máis cómodo se atopaba o equipo, cando máis soltos estaban os xogadores, encaixamos un gol daquela maneira. É ese tipo de gol que vimos ao longo de miles de partidos que parece que vale dobre, porque vanche a meter o outro. Foron os típicos minutos nos que o equipo que parecía morto, arriscando de máis acerta", apunta.

Para el, "o mellor de todo é que con 2-2 non te dás por morto, non tiras o partido. Despois, unha xenialidade é o que decide o partido. Pero sobre todo non morrer despois desa sensación de 'a que liamos'".

Preguntado pola maneira de defender as accións a balón parado, foi tallante: "Aquí hai un adestrador co seu axudante e é como me gusta que sexan as cousas; e que os xogadores fagamos despois boa a formulación que fai o adestrador. El é o que pasa miles de horas vendo os vídeos, analizando que xogadores teño, contra quen xogo. E nós por detrás a matar con el". "Imos a tope coa idea que é defender desa forma, crendo que é a mellor e a que nos vai a dar mellor resultado", engade.

Após unha xornada disputada, Bóveda, un dos futbolistas máis expertos do vestiario deportivista, indica que "é un momento onde o 90 % dos equipos pensan que teñen un equipazo; o 10% pensan que o Director Deportivo fichou fatal. E seguramente dese 10 % algún gaña a liga. Son cousas de inicio de temporada, conclusións precipitadas xeralmente. Persoalmente fuxo de todo iso. Moita cautela. Tivemos partidos bastante malos en pretemporada e eu por iso non deixaba de ver a compañeiros que son xogadorazos. Despois contra o Betis facemos un partido que pode facernos pensar que somos até máis do que somos. Agora contra o Oviedo unha vitoria que espero que afecte positivamente na moral, pero para nada crecernos ou pensar a típica frase de 'estamos de sorte'".

Dos exdeportivistas que militan na SD Huesca, caso de Pedro Mosquera, Luisinho, Juan Carlos ou Insua, queda co primeiro deles: "É o xogador que máis excompañeros ten no bando rival e ao que máis coñecemos nós. Con Luisinho coincidiriamos 3 ou 4... e os demais seguramente con Álex Bergantiños".