RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Cadete A, Cadete B e Infantil A xa coñecen o formato de competición e a data de inicio, 27 e 28 de marzo

A Federación Galega estableceu que, no que fai referencia a #ANOSACANTEIRA, a División de Honra cadete (Cadete A), Liga Galega cadete (Cadete B) e Liga Galega infantil (Infantil A) inicien a competición o 27 e 28 deste mes de marzo.

As ligas terán un formato exprés, cunha duración até o 26 e 27 de xuño. Non haberá descensos pero si ascensos para os primeiros clasificados e unha competición de Copa para o resto.

Na División de Honra cadete, o Cadete A quedou encadrado na primeira fase no subgrupo D, con estes rivais iniciais: Atlético Coruña Montañeros CF, Ural CF, Victoria CF e CD Calasanz.

Esta primeira parte será en formato de liga a dobre volta. Os dous primeiros clasificados deste subgrupo D pasarán á Fase polo Título, no que cada equipo se integrará nun novo subgrupo de catro equipos. Neste novo subgrupo, a liga será a unha soa volta arrastrándose os puntos da primeira fase. Os dous primeiros de cada subgrupo pasarán ás semifinais, cuxos vencedores xogarán a gran final polo título en campo neutral.

Finalmente, os equipos que non se clasificaron na primeira fase entre os dous primeiros pasarán a disputar unha competición de Copa, cuxo formato se fará público nos próximos días.

Pola súa banda, na Liga Galega, o Cadete B quedou integrado na primeira fase no subgrupo 1A, cos seguintes rivais: Viveiro CF, SD Ribadeo, SCD Milagrosa e CD Lugo B.

Nesta primeira fase a liga será a dobre volta. Os dous primeiros clasificados deste subgrupo pasarán á segunda fase polo ascenso, constituída por outros dous novos subgrupos. A partir de aí iniciarase unha liga a unha volta na que se clasificarán os dous primeiros de cada subgrupo ás semifinais. Ascenderá á División de Honra o gañador.

Os equipos que non se clasificaron na primeira fase entre os dous primeiros pasarán a disputar unha competición de Copa, cuxo formato se fará público nos próximos días.

Finalmente, o Infantil A quedou encadrado no subgrupo A da Liga Galega, co CD Calasanz, Ural CF, Victoria CF e Atlético Coruña Montañeros CF.

Os dous primeiros clasificados pasarán á seguinte fase ou fase polo título. Así, cada un destes dous equipos accede a un novo subgrupo. O formato de competición agora será de liga a unha volta. O primeiro deste novo subgrupo pasa á semifinal, a partido único; e o vencedor xogará a gran final.