RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Canto antes consigamos os puntos que queremos podemos igual pensar noutras cousas", apunta Sabin Merino

Sabin Merino pasou esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.

O dianteiro deportivista apuntou que "sabiamos que tarde ou cedo a derrota ía chegar. Non era fácil manter o ritmo que levabamos. Hai que sacar o positivo da derrota. Temos que seguir na liña na que estabamos".

Advirte que "temos que ter claro cal é o obxectivo e sobre todo de onde vimos. Estar na situación na que estamos hai 2 meses era case impensable. Estar onde estamos está moi ben pero hai que ter cautela".

Do CD Lugo, rival este domingo 1 de marzo en ABANCA-RIAZOR (16:00 horas, #Vamos), manifestou que "é un equipo moi difícil. Ten bos xogadores. Veñen nunha serie positiva ademais. Vai ser un partido duro e hai que estar preparados para saber que non vai ser fácil".

Non cre que sexa unha final o choque ante os branquivermellos: "Desde que cheguei, todos os partidos xogáronse como finais porque necesitamos vitorias para conseguir o obxectivo. Até chegar aos 50 puntos non hai nada pechado. Son todo finais. Canto antes consigamos a cantidade de puntos que queremos podemos igual pensar noutras cousas".

Respecto ao encontro do pasado domingo en La Romareda de Zaragoza, Sabin Merino destaca que "foi un dos partidos que máis balón tivemos, que máis dominamos e que máis veces traspasamos liñas. Hai que quedar con iso. É o camiño que nos pode levar a conseguir vitorias".