RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Carles Gil, ambicioso: "Quero que o equipo aínda dea moito máis"

Carles Gil asegurou esta mañá na sala de prensa que o Deportivo encara o partido deste sábado 20 de outubro no Nuevo Arcángel de Córdoba (20:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV) "coa mesma mentalidade que afrontamos todos os partidos até agora e coa idea de levarnos os 3 puntos".

Resta importancia á clasificación do equipo andaluz, pechacancelas nestes momentos de LaLiga 1|2|3: "Estamos nunhas xornadas que tampouco significa nada, simplemente un mal inicio de liga. O Córdoba onte, mesmo con xogadores que a priori non xogaron tanto esta temporada, conseguiu un resultado en Copa. Iso quere dicir que é perigoso. Un equipo que fai 4 goles fóra de casa quere dicir que arriba ten potencial. Imos ter que estar moi ben para conseguir a vitoria".

Lembra que "todos os equipos teñen argumentos para gañar a calquera outro. Iso fainos ter sempre na cabeza que como non esteamos ao 100 por 100 non imos gañar".

Tampouco lle sorprende a marcha do Málaga, o líder: "Desde un primeiro momento é un candidato forte. Fixo un inicio case inmellorable. A pesar diso, téñennos a nós a 4 puntos. Estamos aí. É pronto para falar de nada a nivel clasificatorio porque isto acaba de empezar".

Esta temporada, debido ao descenso, cre Carles que "tanto a afección como nós cambiamos o chip. É outro tipo de obxectivo. Nos anos que levo aquí non afaciamos dar moitas vitorias á afección. Tanto para eles como para nós é síntoma de alegría e felicidade. Aínda que non tivésemos estas vitorias, sempre notaba que aínda que lles désemos un pouquiño estaban connosco".

A nivel persoal, o atacante deportivista advirte que "ten moita marxe de mellora. Estou satisfeito porque estou a xogar, porque está a gañar o equipo. Loxicamente son ambicioso. Quero dar moito máis ao equipo, quero que o equipo aínda dea moito máis. Imos polo camiño para conseguilo".

Subliña ademais a enorme competencia que existe no cadro deportivista: "Desde un principio planificouse un cadro así, onde en cada posición houbese moita competencia. Está a demostrarse. Cada xogador que sae mostra ao míster que pode contar con el. Iso é o importante, que cando teñamos a oportunidade mostremos ao adestrador que pode contar connosco. Logo xa é decisión del cada partido os que teñen que xogar".

Afirma que desde o primeiro momento, "tanto Carmelo (del Pozo, Director Deportivo) como o míster deixaron moi clara a idea e o camiño a seguir. Tanto os que estabamos aquí como a xente que veu de fóra adaptámonos enseguida a todo. Reflíctese un pouco nese inicio de liga". "Carmelo ten moita experiencia neste sentido, igual que Natxo González; e viñeron cunha idea moi clara, un obxectivo moi claro. Estamos todos no mesmo camiño".

Por este motivo, cualifica de "auga pasada" aqueles momentos de dúbida sobre o seu futuro no Dépor: "Tanto eu como todos os compañeiros estamos centrados no mesmo. Oxalá podamos seguir con esta xeira".