RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Carlos Fernández cre que o equipo "deu un paso á fronte en ataque"

Carlos Fernández recoñeceu esta mañá na sala de prensa de Abegondo que para o seu proceso de adaptación, que segundo el marcha ben, "foi moi importante o grupo que hai e un pouco todo o Club. Así que moi contento e agradecido a eles".

O dianteiro andaluz confesa que formando parella con Quique González no ataque "síntome moi ben. Enténdome bastante ben. É un tío que achega moitísimo. Con calquera compañeiro complementámonos ben. Todo o que sexa achegar para o equipo, benvido sexa".

Para explicar o traballo defensivo que tamén fan no Dépor os dianteiros, Carlos Fernández sostén que a clave dun equipo sería "facer un gran bloque defensivo e a partir de aí construír todo o xogo de ataque. Dentro de que cada día hai que mellorar, estamos a facer un bo bloque, e iso é moi importante".

Subliña que o equipo deu un paso adiante nos últimos partidos, "sobre todo a semana pasada fóra de casa, que era un pouco o que se lle ía pedindo. O equipo mostrara en ABANCA-RIAZOR unha imaxe moi boa pero fóra de casa non terminaba de enganchar. É certo que interveñen moitas circunstancias, o equipo contrario... O outro día foi un paso á fronte en ataque. O equipo estivo ben, asociouse, repúxose rápido ao gol que recibiu en contra. Foi dos partidos fóra de casa o que máis eficacia se tivo e xeráronse ocasións de gol".

Sevillano de nacemento, indica que non ten especial rivalidade co Málaga, rival este domingo no Estadio ABANCA-RIAZOR (18:00 horas, Movistar Partidazo), "máis nada que o profesional. Un partido difícil, un partido importante. Pero isto é moi longo. É un partido ilusionante, pero un partido máis. Tentaremos facelo o mellor posible para que queden en casa os 3 puntos".

Vaticina o domingo "un partido duro, como todos os da categoría. Non nos esquezamos de que o Málaga é un gran equipo que fixo un principio de liga sensacional. Vai ser un partido difícil pero á vez bonito. Hai que afrontalo con moita ilusión e con moitas ganas".

Iso si, advirte que "nestes partidos non hai que falar tampouco de favoritos e menos con dous clubs históricos, dous grandes equipos. Vai ser un bo partido. Até o momento, polo que se mostrou en regularidade quizais eles parten cun pouco de vantaxe".

Aínda sen estrear o seu marcador goleador, Carlos Fernández di que "non me maltrato nese aspecto de comerme a cabeza. Polo meu estilo de xogo e pola miña maneira de entender o fútbol hai moitas máis cousas que achegar ao xogo. Non soamente o gol. Está claro que moitas veces ao dianteiro xúlgaselle se fai gol ou non. Pero estou tranquilo. No fútbol a día de hoxe é máis importante moitísimas máis facetas. Se o gol non está a chegar, hai que achegar noutros aspectos porque seguro que chegará".