RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Carlota vaticina"un salto de calidade" no Dépor ABANCA e Sara ve ao equipo con "ganas, forza e moito fútbol"

Carlota Sánchez e Sara Álvarez, dous das firmes promesas do fútbol feminino galego, pasáronse pola sala de prensa virtual do Club após selar a súa continuidade no Dépor ABANCA.

Estas foron algunhas das súas frases.

Referentes no Dépor ABANCA

Carlota Sánchez (C.S.): "O Dépor ABANCA fixo un gran ano e calquera xogadora é boa para fixarse".

Sara Álvarez (S.A.): "Todas as xogadoras do primeiro equipo son referentes e exemplos a seguir pero se tivese que quedarme con algunha sería con Tere Abelleira. Síntome moi identificada con ela porque se foi de casa moi nova apostando por un proxecto novo como o do Dépor ABANCA. Todo o esforzo que supuxo para ela, as ganas, a ilusión por chegar á elite. E Iris paréceme unha xogadora profesional que fai un traballo no equipo que pode pasar desapercibido pero que é clave. E viuse durante toda a temporada".

Próxima temporada

C.S.: "Afróntoo con moitas ganas e ilusión sobre todo despois deste tempo. Espero que sexa un gran ano para todos".

S.A.: "É un ano ilusionante por todos os retos, por esa oportunidade de adestrar co primeiro equipo e ter a posibilidade de debutar en Primeira Iberdrola, que sería un soño. Sei que require un esforzo enorme, inmenso, e moitísimo traballo, moitísimas ganas. Estou moi contenta con esta oportunidade e espero devolver a confianza e axudar ao equipo o máximo posible".

Esperanza de asomar a cabeza na Primeira Iberdrola

C.S.: "A pasada temporada tiven a oportunidade de poder participar nalgún partido. Espero que este ano vaia a máis e aos poucos ir meténdome".

S.A.: "Adestrar co primeiro equipo tanto en pretemporada como durante a temporada é un reto maiúsculo porque son xogadoras de elite, de moito nivel. Pero porse límites non vai comigo e poder debutar en Iberdrola é un soño pero é un obxectivo. Sei que require moito esforzo, traballo. A temporada é longa e se non é este ano, máis adiante. É o obxectivo que teño en mente".

Rol de Carlota na fronte de ataque do Dépor ABANCA

"No ataque hai moi bo nivel, do mesmo xeito que nas outras liñas. Pódome desenvolver en varias posicións e estarei ás ordes de Manu Sánchez para o que faga falta".

Minutos para Sara coa saída de xogadoras como Miriam

"Son consciente do que significa xogar na elite. Sei que teño que maduralo tanto a nivel mental como físico. Non quero porme límites pero acabo de chegar, nin cheguei (chancea). Gustaríame gozar de minutos pero depende de min, do nivel que poida lograr, de Manu Sánchez. Porei todo da miña parte para que se poida contar comigo sempre que faga falta".

Traballo para chegar á pretemporada

C.S.: "A pesar de ser unha situación dura, estou a levalo da mellor maneira posible. Desde o Club a preparadora física (Lucía Piñeiro) está a mandarnos traballo pero algún día que outro intento facer algunha cousa co meu irmán (o fabrilista Aarón Sánchez)".

S.A.: "Estamos a realizar unhas rutinas que prepara a nosa preparadora física. Mentres que ela mande traballo, irémolo facendo. E pola miña conta podo facer algún tipo de traballo controlado por unha persoa preparada".

Renovación de Carlota

"Este ano terminaba contrato. Durante a corentena, o Club púxose en contacto comigo. Foi moi fácil chegar a un acordo porque o Club quería que continuase e eu quería continuar. Ao longo destes días asinouse a renovación".

Salto de calidade para Carlota após debutar a temporada pasada

"A pasada temporada tiven participación na primeira categoría. Este ano a nivel individual o meu obxectivo ten que ser coller máis confianza e máis minutos; e aos poucos ir asentándome na categoría".

Referentes no fútbol galego

C.S.: "Vero Boquete sen dúbida. Á parte témola aquí cerquiña. Despois da temporada que fixo o Dépor ABANCA o ano pasado, calquera sería un referente para min: Cris, Iris, Peke, Teresa, Athenea... Van dar moito que falar nun futuro".

S.A.: "Hai moitos xogadores e xogadoras destacados no noso fútbol, pero se tivese que escoller no fútbol feminino quedaríame con Teresa Abelleira porque sinto identificada con ela. Tamén Vero Boquete, Mari Paz Vilas, que son referentes a nivel español e internacional. E tamén Anair Lomba, que está no Espanyol, paréceme un referente, un exemplo de superación. Ademais é do pobo de á beira, da Guarda".

Renovación no Dépor ABANCA

C.S.: "De momento teño ficha B pero tentarei axudar ao equipo en todo o que me faga falta. As novas incorporacións vanlle a dar un salto de calidade ao equipo. Entre todos imos suplir ás xogadoras que se están marchando".

S.A.: "Todas as renovacións, xunto coas novas fichaxes fan que se estea formando un equipo competitivo, que aspirará aos postos desta temporada ou porqué non mirar máis alto. Iso decídese no campo. O Dépor está a facer unha aposta moi importante polo fútbol feminino e de aí os resultados que estamos a ver. Para a temporada que vén veremos un Deportivo ABANCA con ganas, forza e moito fútbol".

Repetir o do ano pasado

C.S.: "O equipo está capacitado para facer un gran ano. Do mesmo xeito que a temporada pasada, o obxectivo ten que ser a permanencia. A partir de aí, sen teito, a ver até onde podemos chegar".

S.A.: "Este cuarto posto non é flor dun día, non é sorte. Supón un traballo enorme, verdadeiramente grande, que ten a súa recompensa. Ese cuarto posto, moi merecido, claro que se pode repetir. Hai que traballar, esforzarse porque non vai ser fácil. O Dépor ABANCA ten un teito moi alto e por qué non conseguir os postos altos?"