RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Claudio Beauvue, novo xogador do Deportivo 2019-2020

Claudio Benoît Beauvue (Saint-Claude, Guadalupe, 16 de abril de 1988) converteuse hai uns minutos en novo xogador do RC Deportivo até xuño de 2021.

Beauvue, internacional por Guadalupe en 5 ocasións, posúe a nacionalidade francesa, pois se trasladou aos 13 anos ao país galo, no que se formou nas categorías inferiores do Carquefou e do Nantes. O seu debut a nivel profesional produciuse no Troyes AC, na campaña 2007-2008, na Segunda División gala.

En marzo de 2011 foi cedido ao Châteauroux, tamén da categoría de prata, que a campaña seguinte fíxose coa súa propiedade. Con todo, no mercado de inverno do exercicio 2012-2013 foi cedido cunha opción de compra ao Bastia, co que deu o salto á máxima categoría, disputando 15 partidos e anotando 1 gol.

A carreira de Beauvue, que adoita actuar como extremo esquerdo aínda que tamén o fai como dianteiro, cambiou radicalmente uns meses despois, cando asinou polo Guingamp. Co conxunto bretón logrou o primeiro e único título da súa carreira, a Copa de Francia de 2014, na súa primeira campaña. E no seu segundo curso situouse entre os máximos goleadores do campionato francés, con 17 dianas. Aqueles dous anos foi indiscutible para o técnico Jocelyn Gourvennec, pois participou en 72 dos 76 encontros de Liga, 62 deles como titular.

A súa gran campaña 2014-2015 valeulle o traspaso a un dos grandes do fútbol galo, o Lyon, que pagou polos seus servizos 4,5 millóns de euros máis 3 millóns de bonus. Após xogar toda a primeira volta do curso 2015-16 co conxunto lionés (19 encontros e 5 goles), o Celta de Vigo adquiriu o seu pase a cambio de 5 millóns de euros máis 2,5 de bonus. No equipo vigués disputou unha campaña e media, antes de ser cedido ao Leganés (2017-2018) e ao Caen francés (2018-19).

As súas cifras entre as primeiras divisións de Francia e España alcanzan os 182 partidos e 35 goles. Tamén xogou 6 encontros de Champions League e outros 14 (con 6 goles) na Europa League.

Tras pechar hoxe os trámites da súa incorporación,  Beauvue ponse inmediatamente ás ordes de Fernando Vázquez en Abegondo.