RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Çolak: "Temos equipo para estar máis arriba"

Emre Çolak foi o protagonista na sala de prensa de Abegondo. "Non perdemos desde hai tempo", subliñou o atacante turco nas súas primeiras palabras aos medios de comunicación.

Sobre o Eibar, rival do Dépor este sábado 28 de xaneiro (18:30, Bein Sports), comentou o atacante turco que "os meus compañeiros coméntanme que é un rival moi difícil, todos falamos sobre o equipo. Imos facer todo o que podamos".

En canto ás novas incorporacións (Kakuta e Ola John), Çolak apuntou que "levan pouco tempo co equipo. Non coñezo a Ola John moito, pero si a Kakuta. Ten moita calidade. Na Sub-17 ou Sub-19 xogabamos partidos contra el. Coñézoo ben. Xogaba moi ben".

Preguntado sobre as particularidades de Ipurúa, o campo do próximo sábado, Çolak recalcou que "temos xogadores con calidade para xogar en todos os campos. A min gústame máis estes tipos de campos. Cos nosos técnicos imos facer todo o que podamos para traer os tres puntos".

Subliñou que sente máis cómodo xogando polo centro que na banda, porque "xoguei aí moitos partidos. Pero non importa. Podo xogar en todas as posicións, tamén en defensa".

Este sábado arrinca a segunda volta da competición, na que o Deportivo parte con 19 puntos. "Os equipos están agora moito mellor. Queremos sacar máis puntos nesta segunda volta. Todos os equipos teñen o seu ritmo, están afeitos á liga. Nós tamén temos o noso ritmo. Temos equipo para estar máis arriba", dixo.

A nivel individual, nestes primeiros meses na liga española, a súa primeira experiencia fóra de Turquía, Çolak manifestou que "tivemos un tempo de adaptación. Foi un pouco difícil. Pero xa o acabamos. Na segunda parte ides ver un Deportivo que gañará moitos máis partidos, e que xogue moito mellor".