RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Combate nulo entre Dépor e Tenerife (0-0)

O Deportivo non foi capaz de derrotar ao CD Tenerife no Estadio ABANCA-RIAZOR, nun partido de dominio alterno no que a ocasión máis clara do partido chegou na última xogada do mesmo, nun balón que o porteiro visitante atrapou practicamente sobre a liña de gol.

O técnico branquiazul, Natxo González, realizou dous cambios con respecto ao once inicial que presentou na vitoria en Xixón a pasada fin de semana. Vicente Gómez, sancionado por acumulación de amoestacións, deixou o seu sitio a Didier Moreno, mentres que Fede Cartabia saíu do equipo para entrar no mesmo Quique González.

A primeira acción de perigo do encontro chegou no minuto 9. Jorge Sáenz cabeceou picado un centro desde a dereita. O balón se envenenó sobre céspede de ABANCA-RIAZOR, encharcado polo tremendo chuvieiro que comezou a caer ao mesmo tempo que arrancaba o partido. Pero Dani Giménez respondeu, rápido e seguro, lanzándose cara á súa esquerda e mesmo dirixindo a súa despexe cara á liña de fondo, para conceder un saque de esquina en lugar dun rexeite na área.

Non foi até mediado o primeiro período que o Deportivo disparou por primeira vez á portería rival. Christian Santos recuperou o balón en tres cuartos de cancha após unha imprecisión do mediocampo rival. O venezolano buscou portería coa súa perna menos boa. O coiro perdeuse por riba do traveseiro.

Os branquiazuis trenzaron o seu mellor ataque no minuto 34, após unha longa posesión que concluíu cun pase cara á dereita de Didier Moreno que Quique deixou pasar para a incorporación de David Simón. O centro por baixo do lateral canario rematouno o propio dianteiro, aínda que demasiado frouxo, ás mans de Dani Hernández.

Dous minutos despois, Christian Santos roubou un balón en tres cuartos de campo, abriu cara á esquerda onde Didier Moreno conectou con Borja Valle. O berciano recortou cara ao seu perfil bo e soltou un dereitazo con sinal de gol. Pero a pelota rozou en Luis Pérez e foise pola liña de fondo por moi pouco.

No minuto 41, o Deportivo realizou outra boa combinación en ataque, cos mesmos últimos protagonistas que a primeira. David Simón centrou por baixo para o remate, co pé dereito, de Quique. O ariete, hoxe extremo dereito, sufriu un esvarón que lle fixo enviar o seu remate frouxo e ás nubes.

Co empate sen goles chegouse ao intermedio. A segunda metade arrancou co primeiro cambio do partido. O conxunto canario deixou na caseta a Montañés, polo cal entrou ao terreo de xogo José Naranjo.

Despois dun achegamento sen perigo do Tenerife, que finalizou nun frouxo disparo de Malbašić, o Dépor respondeu cun novo roubo en tres cuartos de campo. Christian Santos xogou dentro da área para Quique que, no seu perfil bo, non o pensou para buscar o marco de Dani Hernández. O tiro do máximo goleador branquiazul foise por riba do traveseiro.

Natxo González buscou un revulsivo en Fede Cartabia, que entrou no terreo de xogo a 20 minutos da conclusión en lugar de Christian Santos. Con esta permuta, Quique pasou a ocupar a posición '9'.

No minuto 83, Quique dispuxo da ocasión máis clara do partido até entón. Diego Caballo xogou paralelo á liña de fonde un saque de banda moi próximo ao córner. Quique protexeu a pelota ante Jorge Sáenz e creouse espazo, aínda que con moi pouco ángulo, para buscar o gol. O disparo co exterior da súa bota esquerda, buscando o pau máis afastado, perdeuse pola liña de fondo lambendo a madeira.

Após dar entrada a Krohn-Dehli en lugar dun amoestado Didier Moreno, o técnico deportivista fixo debutar ao recentemente chegado Nahuel Leiva, que substituíu a Borja Valle para actuar os últimos minutos como extremo esquerdo.

Na última acción do partido, o Dépor acariñou unha nova vitoria sobre a bucina. Foi unha falta próxima á área, na que Fede Cartabia xutou a portería. Dani Hernández non foi capaz de atallar o coiro, que caeu no pé dereito de Quique. O ariete deportivista non puido conectar un remate duro, pero aínda así conseguiu dirixir o balón entre os tres paus. O porteiro visitante conseguiu rozar o balón, amortecelo e detelo en segunda instancia, a escasos centrímetros da liña de gol.

Con este empate, co que se mantén invicto en ABANCA-RIAZOR (8 vitorias e 4 empates en 12 encontros), o Deportivo alcanza os 43 puntos, a 2 do líder provisional, o Albacete, e a 1 do Granada, que xoga mañá domingo en campo do Osasuna, e do Málaga.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pablo Marí, Diego Caballo, Edu Expósito, Álex Bergantiños, Didier Moreno (Krohn-Dehli, min. 75), Quique, Christian Santos (Fede Cartabia, min. 71) e Borja Valle (Nahuel, min. 79).

CD Tenerife: Dani Hernández, Luis Pérez, Jorge Sáenz, Alberto, Héctor Hernández, Luis Milla, Račić, Suso Santana (Coniglio, min. 79), Montañés (José Naranjo, min. 46), Borja Lasso (Undabarrena, min. 89) e Malbašić.

Árbitro: López Toca (c. cántabro). Cartón amarelo a Didier Moreno (min. 31), Račić (min. 37), Borja Lasso (min. 53), Luis Milla (min. 57), Diego Caballo (min. 58) e José Naranjo (min. 88).

Incidencias: partido correspondente á 24ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 18.188 espectadores.