RCD / NOVAS

Combate nulo entre Dépor e Villarreal (0-0)

14/01/2017 22:56

Deportivo e Villarreal empataron sen goles en Riazor, nun partido que, a pesar da igualdade reinante, os branquiazuis mereceron gañar aos puntos, pois xeraron máis e mellores ocasións de gol que os amarelos, incluído un espectacular remate ao poste de Florin Andone.

O técnico do Deportivo, Gaizka Garitano, realizou catro cambios con respecto ao once presentado a pasada semana na visita ao Espanyol. O sancionado Juanfran deixou o seu lugar a Laure, Raúl Albentosa cedeu a súa posición a Alejandro Arribas, o lesionado Bruno Gama foi substituído por Luisinho e Joselu volveu ao banco en favor de Marlos Moreno.

No minuto 7 produciuse o primeiro disparo do encontro. Celso Borges enganchou un balón despexado pola defensa visitante que baixou con neve. O costarriqueño rematou lixeiramente mordido e desviado. Un disparo similar, aínda que desde máis lonxe, protagonizouno Marlos Moreno no minuto 21.

Entre medias, control deportivista, con numerosas chegadas á área e varios saques de esquina provocados que non produciron accións dignas de mención.

No minuto 25, un roubo de Emre Çolak a Manu Trigueros en mediocampo foi o xerme da mellor acción da ofensiva branquiazul. O turco viu o desmarque de Florin Andone, que tras gañar a súa carreira a Víctor Ruiz, á entrada da área conectou un duro dereitazo ante o que Asenjo só puido responder poñendo os seus puños e desviando a córner.

Pouco despois, Bruno Soriano puxo a proba a Przemysław Tytoń por primeira vez. O porteiro polaco rexeitou coas palmas das mans o colocado zurdazo que lle colleu a contrapié.

A resposta do Dépor non tardou en chegar, nunha pelota longa pola que porfiou Marlos Moreno ante Víctor Ruiz, do que se aproveitou Andone. O romanés chegou desde atrás con forza. Un pouco escorado, empalmou unha durísima volea que se estrelou no lateral da portería castellonenca.

O tramo final da primeira metade desenvolveuse con larguísimas posesións cun denominador común, a escasa verticalidade e profundidade por parte de ambos os equipos.

A segunda parte comezou polos mesmos camiños. As tímidas chegadas do Dépor, como nun córner no que Arribas pediu penalti por agarrón, ou unha contra levada por Fernando Navarro que morreu na área con Andone rodeado de tres traseiros rivais, contrarrestaban con longos dominios estériles do Villarreal.

O conxunto herculino intensificou o seu dominio, pero sen crear situacións claras de gol. No minuto 56, Emre Çolak tentouno de lonxe cun disparo colocado que se marchou por riba do traveseiro.

Cando se cumpría a hora de partido, Andone estivo máis preto do gol que nunca. Outra longa xogada elaborada concluíu cun centro de Borges ao punto de penalti. Alí, o dianteiro romanés revolveuse e conectou un remate de media chilena. Con Asenjo facendo a estatua, totalmente batido, o coiro estrelouse na madeira.

No minuto 66, un potente lanzamento cruzado de Andone, novamente, escapóuselle das mans a Asenjo. O rexeite, na área pequena, enviouno Álvaro a saque de esquina, ante a presión de Marlos Moreno.

Superado o minuto 70, o Villarreal volveu a merodear os dominios de Tytoń. Foi nunha chegada de José Ángel pola esquerda, con centro raso á área, Pato deixou pasar o balón para a incorporación de Manu Trigueros e o mediocentro, desde a frontal da área, enviou o esférico demasiado alto.

No minuto 84, Joselu, recentemente ingresado no terreo de xogo, estivo a piques de bater a Asenjo. Nun saque de esquina botado por Emre Çolak, o dianteiro peiteou a pelota no primeiro pau. O gardameta visitante, nun alarde de reflexos, cedeu un novo saque de esquina ao sacar a manopla para pasar o balón por riba do longueiro.

Nos minutos finais, ambos os equipos deron por bo o empate. Un empate que eleva a conta deportivista a 18 puntos noutros tantos partidos, o que abre xa 6 puntos de brecha sobre os postos de descenso, á espera dos encontros do domingo. Tamén foi o terceiro encontro consecutivo sen perder (vitoria ante o Osasuna e empates ante Espanyol e Vilarreal), no que é a mellor serie no que vai de temporada.

RC Deportivo: Tytoń, Laure, Arribas, Sidnei, Fernando Navarro, Guilherme, Borges, Marlos Moreno (Borja Valle, min. 76), Emre Çolak, Luisinho e Andone (Joselu, min. 83).

Villarreal CF: Asenjo, Mario Gaspar, Álvaro, Víctor Ruiz, José Ángel, Jonathan dos Santos, Bruno, Trigueros, Samu Castillejo, Santos Borré (Mario González, min. 68) e Pato (N'Diaye, min. 86).

Árbitro: Ocón Arráiz (c. riojano). Cartón amarelo a Manu Trigueros (min. 79).

Incidencias: partido correspondente á 18ª jornada de LaLiga Santander disputado no Estadio de Riazor ante 19.917 espectadores.

RCD / Vídeo

RCD / J18 LaLiga Santander

  • Tytoń
  • Fernando Navarro
  • Laure
  • Arribas
  • Sidnei
  • Guilherme
  • Marlos Moreno (76')
  • Luisinho
  • Emre Çolak
  • Celso Borges
  • Andone (83')

Suplentes

  • Joselu (83')
  • R. Albentosa
  • Álex Bergantiños
  • Óscar
  • Lux
  • Pedro Mosquera
  • Borja Valle (76')
  • S. Asenjo
  • Cote
  • Mario Gaspar
  • Víctor Ruiz
  • Álvaro
  • J. Dos Santos
  • M. Trigueros
  • Bruno
  • S. Castillejo
  • Santos Borré (68')
  • Pato (86')

Suplentes

  • Leo Suárez
  • Rukavina
  • N'Diaye (86')
  • Rodrigo
  • Andrés Fdez
  • Mario González (68')
  • Bonera

Estadio

Estadio ABANCA-RIAZOR (19.913 espectadores)

Goles

    Árbitro

    Daniel Ocón Arráiz amoestou aM. Trigueros (79') do Villarreal CF.